sábado, 27 de setembro de 2014

2ª andaina A.D. Vincios


Datos técnicos

Lonxitude: 13.43 kms
Tipo: Circular
Non sinalizado
Altitude máx: 246 ms
Tempo: 3 h 54 min.
Saida e chegada no pavillón municipal de deportes de Gondomar.
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 3 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina circular organizada pola Asociación Deportiva Vincios (por certo que moi ben organizada) que ten dúas partes ben diferenciadas: ata a metade do percorrido vaise pegado ao río Morgadáns e da metade adiante transcurre a meirande parte por pequenas estradas. Durante o transcurso desta relaxada andaina podemos observar e disfrutar tanto da natureza do bosque de ribeira como da arquitectura civil relacionada co río como pontes, muiños, acueducto, levadas, peiraos, lavadoiros... A ruta non ten sinalización de ningún tipo polo que fai falta gps para seguila.
Aspecto da 2ª Andaina AD Vincios
A ruta comenzámola no pavillón de deportes de Gondomar. De ahí nos achegamos ata o parque que se atopa detrás do campo de fútbol e seguimos o paseo a carón do río pola súa marxe dereita. Xusto ao entrar no parque se atopa a unión do río Morgadáns e o río Zamáns, tamén coñecido como río Vilaza, a partires desa unión e ata a desembocadura o río chámase Miñor que lle da nome á zona: o val Miñor. Pasamos por detrás do campo de fútbol, cruzamos a estrada PO-331 e imos ata o parque gondomareño de ánimas, parque que debe o seu nome á ponte medieval que alí se atopa. O parque está a carón da rotonda da estrada que vai de Gondomar a Tomiño.
Ponte de Paradela ou das almiñas
O camiño vai seguir neste primeiro treito a marxe esquerda do río Morgadáns. Aos 50 metros xa nos imos atopar coa primeira xoia que é a ponte medieval de Paradela ou de ánimas, chamada así por ter un peto de almiñas. Estes petos recollían pequenas ofrendas e limosnas dos camiñantes destinadas ao pago de misas polas almas dos que estaban no purgatorio para así redimir os seus pecados. Da ponte tense testemuña por escrito que xa existía no ano 1660  ou sexa que como mínimo é do século XVII, pero polo seu arco oxival se sospeita que podería ser do século XIV.

Outra perspectiva da ponte co seu peto de ánimas
Ainda se conserva a carón da ponte o camiño de Feira de Doce ou Camiño Vello. Esta corredoría nacía no lugar de Feira de Doce onde enlazaba coa Calzada Real a Baiona e servía de entrada á Praza de Paradela para peóns e carruaxes procedentes de Tui, o Baixo Miño e a raia con Portugal.

Leiras pegadas ao río e de fondo a serra do Galiñeiro
Seguimos a andaina pola marxe esquerda do río Miñor, neste tramo o río descende tranquilo. Nesta parte hai algunhas leiras pegadas ao camiño e se poden atopar prantas e árbores típicas do bosque de ribeira ou de galería (o nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina). As árbores mais comúns que atopamos son os amieiros, salgueiros, freixos, carballos e castiñeiros, aparte de arbustos e fentos. Os bosques de ribeira se caracterizan pola súa biodiversidade tanto vexetal como animal.
Folla de amieiro ou ameneiro
A pouco mais de 2 kms de comenzar o percorrido, chegamos a unha estrada e a cruzamos para coller a marxe dereita do río, alí xa nos atopamos cun muiño de auga, un dos varios que nos imos atopar ao longo do camiño, uns restaurados e outros en moi mal estado.
Estas dúas castañas están dicindo cólleme
A partires de ahí a paisaxe se torna mais salvaxe, o río colle forza e se poden ollar fervenzas e pozas. A 3 kms atoparemos unha poza e unha fervenza nun emprazamento máxico. Este é o tramo mais espectacular sen dúbida de todo o percorrido, desde que pasamos a ponte de Paradela ata o barrio de Gonda que foi onde fixemos o avituallamento, estanos o río acompañando con treitos en que ata parece que estamos en medio dunha xungla.
Pequeno salto no río Morgadáns
Aos 3,5 kms voltamos a cruzar unha pequena estrada, que nos leva ata uns muiños abandonados e uns metros mais adiante nos atopamos cos muiños da Serra restaurados pola comunidade de montes de Peitieiros no ano 2004. O conxunto dos muiños está acompañado por un lavadoiro e un carro. Aquí nos desviamos á esquerda por unha levada do muiño que está mais arriba e logo voltamos para atrás de novo aos muiños para seguir a ruta subindo as escaleiras.
Muiños da Serra
A ruta segue pola beira do río ata que chegamos a unha pequena pontella que collemos á dereita para achegarnos ata unha estrada porque un coche nos traía o avituallamento. Voltamos para atrás ata esa pontella e collemos de frente, a partires de ahí comenza o camiño de volta por Gondomar que agás uns tramos de pista forestal vai ser case todo por pequenas estradas.
Este tramo do camiño asemella sacado de Sleepy Hollow
Desta segunda parte cabe destacar que nos atopamos con algún lavadoiro, cruceiros e o mais interesante está ao chegar xa a Gondomar na zona que se chama Bravo, onde poidemos ver o acueducto do Bravo, que ainda que semella unha ponte é un acueducto.
Lavodoiro na parroquia de Morgadáns (Gondomar)
Este acueduto do século XVII salva as augas do río Vilaza e forma parte da canle de regadío que, desde o seu inicio en Vilaza, alcanzaba as terras do Pazo de Baludio en Mañufe, de 1623. Consta de tres bóvedas laterais con arcos de tipo conopial. Sobre unha rocha localizada nas proximidades do seu percorrido aparece unha inscrición que reza “A JUAN PSE ANO DE 1696”. É unha mágoa que o entorno onde se atopa o acueducto estexa tan abandonado e sen sinalizar.
Acueducto do Bravo
En resume, ruta moi recomendable de facer, prácticamente cha e que da para facer moitas fotos e que se pode facer ida e volta senón se quere facer o tramo por asfalto.
Vistas de Gondomar desde o camiño de volta coa  Groba de fondo
Podedes ollar mais fotos neste enlace.

Ningún comentario:

Publicar un comentario