martes, 30 de setembro de 2014

X marcha popular polos montes veciñais en man común de Candeán e Cabral


Datos técnicos

Lonxitude: 11.42 kms
Tipo: Lonxitudinal
Tramos de GR homologados y tramos non sinalizados
Altitude máx: 496 ms
Altitude min: 206
Tempo: 3 h 20 min.
Saida desde o parque forestal do monte Vixiador (Candeán - Vigo) e chegada no parque forestal de Cotogrande (Cabral-Vigo)
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 2 orientación, 2 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina lonxitudinal organizada pola asociación cultural O Coto de Cabral. A andaina foi pensada para facer por persoas de todas as idades e participaron unhas 200 persoas. Como podedes imaxinar ao ir con carros de bebés e nenos pequenos a andaina levou tres horas e pico, ademáis de que se fixeron 2 avituallamentos mais as paradas necesarias para xuntar ao grupo, co que a andaina se pode facer en moito menos tempo.
Aspecto da andaina pocos minutos antes de comenzar
A idea da organización da marcha foi dar a coñecer os montes en man común de Candeán e Cabral dun xeito tranquilo e accesible a todas as idades. Así a andaina transcurre por pistas anchas e por algo de asfalto sen ningún desnivel pronunciado e a maioría do percorrido vai seguindo sendas homologadas como o GR 94 e GR 53. A andaina  convídanos a coñecer a fauna, flora e paisaxe destes montes, sen esquecer a parte de lecer que conteñen os seus parques forestais. Tamén serviu para expresar a problemática que vén padecendo o monte mancomunado de Cabral do que vos falarei mais adiante.
Parque forestal do Vixiador
A andaina comenza no parque forestal do Vixiador (lugar onde se fai unha popular romería a comenzos de setembro).O Monte do Vixiador ten unha superficie de mais de 180.000 m2 e atópase a mais de 400 m de altitude, desde onde se poden contemplar unhas magníficas vistas do val da Louriña, os montes de Portugal, a serra do Suído e a ría de Vigo.O parque é ideal para pasar un día de lecer, xa que conta con numerosas fontes de auga potable, asadeiros e mesas.

Collemos dirección noroeste seguindo o GR 94 que vai dar á Madroa para ver a ría de Vigo. Logo collemos á esquerda e viramos de novo dirección ao parque forestal do Vixiador e pasamos a carón da mámoa Costa Freiría I, ainda que non paramos a ollala. No parque destacan dúas mámoas pertencentes á Cultura Megalítica (IV a II milenio a.C.) que, xunto con outros dolmens e mámoas, constitúen un cinto de enterramentos tumulares nos lindeiros dos concellos de Vigo e Redondela. Hai unha ruta duns 5 kms onde se poden observar ata 13 mámoas pero terá que ser noutra ocasión.
Castiñeiros observando a andaina
Por toda esta zona do Vixiador, ainda que lin que a maioría de árbores son os piñeiros, a verdade é que o que mais atopas no camiño e o que mais destacan son as frondosas: carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras, freixos,...), unha maravilla, acostumados como estamos por estes lares a ver extensións de piñeiros e eucaliptos nos nosos montes.
A lagoa de seixos
O seguinte punto interesante do percorrido é a lagoa dos Seixos. En 2006 a comunidade de montes veciñais de Candeán acondicionou esta zona para convertila nun refuxio natural de especies acuáticas. Sitúase nos nacentes do ragato San Cristovo. A variedade de formas de vida vexetal e animal fai deste hábitat un espazo de gran riqueza complementario aos montes que a arrodean. Píntegas, sapos, rás... son só algunhas das mais de doce especies animais que se poden observar nesta lagoa.

Seguimos o camiño dirección a Cabral, e chegamos ata o campo de golf do aeroclub, alí puidemos obervar a lagoa Mol tamén chamada de Retorta, é unha pequena lagoa que se atopa preto do nacemento do río Lagares e onde nidifica a galiña de río e o alavanco.
A lagoa Mol
Seguimos dirección ao aeroporto e xusto enfronte do megagaraxe paramos a facer outro avituallamento, nun pequeno bosque que recomendo visitar porque parece mentira que diante dunha pedazo de obra industrial como é o aeroporto haxa este recuncho de natureza e tranquilidade (a foto que encabeza esta crónica foi sacada ahí). Seguendo o regato Lagares damos cun muiño de auga restaurado e imos ata a rotonda do aeroporto.
Muiño de auga restaurado enfronte do aeroporto
De ahí nos metemos por detrás do Ifevi ata chegar ao parque forestal de Cotogrande, ata a zona de Liñeiriños, final da nosa andaina e onde está proxectado un macrocomplexo comercial o que arrasaría con esta fermosa zona. É unha mágoa que a veciñanza non se poña dacordo, pois seica hai división e posturas enfrontadas coa directiva da comunidade de montes pois, según me contou algún dos comuneiros alí presentes, están tomando decisións sen contar co resto de comuneiros como apoiar o Porto Cabral ou facer unha serie de aterramentos que están poñendo en perigo, por exemplo, o camiño de San Pedro, unha corredoira que daba acceso á capela de San Pedro e paso de moitos veciños de Cabral cara á feira de Puxeiros para vender e mercar gando.
Pois iso...
Desde o meu punto de vista, que non é interesado agás o meu interés por camiñar, prefiro facelo poo monte e non por un área comercial. Opino que hai outros sitios en Vigo onde poder plantar un área comercial. A min chéirame a pelotazo, tendo en conta que os que mais monstran interés sexan os políticos e os empresarios. Eu, de todos modos, vos convido a que vaiades polo parque forestal de Cotogrande e botedes unha ollada para ver o que suporía facer un proxecto tan grande nesa zona. Aquí vos deixo un vídeo que trata sobre o Porto Cabral.


En resume, andaina relaxada que se pode facer en menos tempo e que contou cunha organización de dez. recomendable para coñecer zonas de Vigo que incluso, para moitos vigueses son descoñecidas.

Podedes ollar todas as fotos da andaina pinchando aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario