venres, 28 de novembro de 2014

Sendeiro local Matamá-Comesaña


Datos técnicos

Lonxitude: 14.32 kms
Tipo: Circular
Perfectamente sinalizado
Altitude máx: 293 ms
Tempo: 3 h 24 min.
Saida e chegada desde o muiño de A Regueira en Matamá (Vigo).
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 1 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Hoxe vos traemos a crónica dunha senda local de Vigo que en parte percorremos coa xente de Camiño a camiño do Concello de Vigo. Digo en parte porque ese domingo choveron chuzos e a organización decidiu parar a andaina á metade do percorrido ainda que nos seguimos adiante ata completala. Tiven que ir outro día a facela con mais calma para poder sacar mais fotos da senda.

O outono chegou a Matamá
Este sendeiro forma parte dunha serie de sendeiros que está levando a cabo, nalgunha das suas parroquias, o Concello de Vigo, a través do seu programa de educación medioambiental "Camiño a camiño" e en colaboración co voluntariado de sendeiros e con algunha comunidade de montes para dar a coñecer o valor paisaxístico e etnográfico dalgunhas parroquias. Os sendeiros que se sinalaron este ano son os das parroquias de Saiáns, Matamá e San Andrés de Comesaña, e Candeàn. O sendeiro que fixemos nos e que vos paso a detallar foi o sendeiro local de Matamá e Comesaña.

Poste indicativo da senda
O sendeiro pasa de xeito circular polas parroquias viguesas de Matamá e Comesaña. Son uns 14 kms (ainda que nos paneis indicativos poñen 12) nos que podemos disfrutar de fervenzas, muiños de auga, fragas, petroglifos, miradoiros e parques forestais. Durante o percorrido se misturan o asfalto coa pista e hai ata 12 puntos de interese. A senda pasa por todos menos unha canteira e o Outeiro de Deus que os bordea e o muiño da Regueira que hai que desviarse do camiño circular para ir a velo ida e volta polo mesmo sitio.

O muiño da Regueira, inicio e final da nosa andaina
Ao ser circular se pode empezar por calquera punto, nós comenzamos precisamente no único no que o sendeiro non é circular o muiño de auga de A Regueira, que se atopa no barrio de A Balsa en Matamá. Para chegar ata alí é doado, nos situamos na fábrica de Citroen e na rotonda da estrada Vigo-Baiona, a poucos metros da rotonda dirección Baiona e a man dereita hai un supermercado Familia e unha gasolineira Repsol. Pois ben, case xusto enfrente da gasolineira noutro carril, ou sexa á nosa man esquerda, hai un cruce que xa nos indica centro cultural de Comesaña. Nos metemos por esa estrada e seguimos as indicacións que nos levan ata o centro cultural de Comesaña que se atopa a uns 600 metros do cruce coa estrada Vigo-Baiona. Cando chegamos ao centro cultural de Comesaña, que se chama Nautilus, podemos seguir a estrada que vai pola dereita do centro cultural, ou coller á esquerda do centro cultural (ides ver un lavadoiro pegado ao centro cultural) unha estrada moi estreita. Pois ben, collemos esa estrada estreita  e a uns 200 metros nos atopamos cun pequeno túnel, pois pasando ese túnel se atopa o muiño. No muiño non hai sitio para aparcar polo que si levades o coche ata alí tedes sitio xusto antes do túnel.

Interior do muiño coa moa funcionando
No muiño da Regueira non hai ningún cartel indicativo grande da senda, pero si está sinalada a senda con postes. O muiño da Regueira foi recuperado no ano 2008 por iniciativa do colectivo Malaherba de Matamá en acordo cos propietarios do muiño e foi posto en funcionamento. Un muiño que estaba totalmente abandoado agora se pode disfrutar totalmente rehabilitado e en funcionamento. Precisamente no túnel e no muiño levan a cabo a festa do magosto e recolleita do millo que xa vai pola súa oitava edición.
Panorámica desde o parque de Vilar en Matamá
Seguimos as marcas dos postes que nos levan polo barrio da Balsa, ao principio é costa arriba e en asfalto. A 1 kilómetro e medio chegamos ata o parque de Vilar, un pequeno parque con mesas e con excelentes vistas de Vigo e da ría. O parque hai tempo que non se usa pois a herba que está a carón das mesas está bastante alta. hai que dicir que este sendeiro recupera en parte unha antiga senda chamada A senda no bosque da que ainda se conservan algún cartel grande e os postes en forma de frecha cun número pintado e o nome do barrio. Esta senda no bosque foi realizada entre o ano 1998 e 1999 pola escola taller forestal, un proxecto formativo e de inserción laboral, que levou a cabo a sinalización de 3 pequenas rutas polos barrios de Moo, Fontesanta e Maruxente en Matamá.

Petroglifos das Millaradas
Continuamos a andaina subindo con tramos de asfalto e moi pouca pista nesta 1ª parte, ata que chegamos a unha pequena estrada que vai paralela á circunvalación de Vigo. Andamos uns 400 metros por ela e nos desviamos á esquerda e a poucos metros despois dunha subida nos atopamos cos petroglifos das Millaradas, apróximadamente están a 1 km do parque de Vilar. Os petroglifos están ben sinalizados, cun gran panel explicativo e rodeados dun cordel, ainda que se pode acceder á rocha onde están os petroglifos (ollo non se debe subir á rocha. Conservemos e respetemos). Os petroglifos das Millaradas atópanse no barrio de Moo e forman parte do que se chama o arte rupestre galaico que son petroglifos datados a partir do III milenio antes de cristo, no Calcolítico ou Idade de Cobre e comenzos da Idade de Bronce. Nestes petroglifos pódense observar cazoletas ou coviñas e formas circulares. Ademais a zona está repoboada con carballos.

Un xogo: a ver se mirades onde se atopa o cervo e a forma circular
A mesma foto en HDR, mírase un pouco mellor.
Tamén hai outra rocha, 10 metros mais adiante pero atópase nunha propiedade privada, na que se pode observar a un cervo xunto a unha forma circular. Despois de pasar os petroglifos das millaradas, a 10 metros hai unha única casa que nos queda a man esquerda e a senda vira a man dereita, pois xusto cando viramos a man dereita para seguir a senda, fixádevos ben porque hai un pequeno camiño xusto onde facemos a curva para seguir o camiño que vai dar á rocha onde está o cervo. Non está sinalizada pero é fácil de atopar porque está a 5 metros e a zona está limpa. O cervo está moi desgastado polo que á luz do dia é moi difícil velo. Obviamente senón sabes que está ahí se pasa de largo porque non está sinalizado (supoñemos que é porque está nunha propiedade privada, seguramente da casa do lado).

Fraga das Alvorezas

Seguimos o camiño e a cincocentos metros dos petroglifos nos atopamos unha xoia oculta que á Fraga das Alvorezas, un singular bosque de caducifolias no que a Comunidade de Montes está traballando para que se converta nun espazo para a rexeneración de poboacións de cervos volantes ou vacalouras.

Caixa niño

Asemade, é un dos puntos da parroquia onde se están colocando caixas-niño para diferentes paxaros. Tivemos in situ a sorte de contar coa explicación deste proxecto de caixas niño e para que tipo de paxaros era cada niño, un proxecto que conta coa colaboración de colexios da zona na fabricación das caixas-niño.

Parque Forestal de Maruxento
Da fraga, seguimos o camiño e imos dar de novo á estrada paralela á circunvalación de Vigo, e cruzamos esta a través dunha ponte para chegar ao Parque Forestal de Maruxento. O monte veciñal de Matamá, de 16´5 hectáreas quedou dividido en dous pola circunvalación de Vigo (VG-20) quando por riba desta a meirande parte de monte. O Parque Forestal de Maruxento xunto ao parque de Vilar son espazos de recreo para a cidadanía habilitados pola Comunidade de Montes. Ademais é outro dos puntos onde se están a colocar as caixas-niño.

Curiosa formación granítica no parque de Maruxento
Deixamos o parque e subimos pola estrada chamada Baixada a Moo onde podemos ollar antigos paneis informativos e indicativos da antiga Senda no bosque feita entre o ano 1998 e 1999. Collemos unha pista forestal á dereita e a uns 100 metros atópase á nosa esquerda o Outeiro de Deus. A senda non sube ata o outeiro senón que o bordea. este outeiro e unha canteira son os dos únicos puntos de interese que aparecen nos carteis indicativos polos que non pasa a senda. iso é porque ambos están sendo rehabilitados ainda pola Comunidade de Montes. Nós si subimos ata o outeiro, así que si descargades a ruta do wikiloc ides pasar polo o outeiro, e subimos mais que nada para contemplar as vistas desde alí. Ao outeiro se sube rápidamente é está bastante destrozado porque foi utilizado para extraer material de canteira polo que aparecen dous grandes socavóns no seu lado suroeste e norte. É o punto mais alto da senda e ten unha das vistas mais completas e próximas da cidade de Vigo.

Vista panorámica desde o outeiro de Deus
Baixamos de novo á senda sinalizada e imos seguir por pista ata chegar á estrada que sube ata o Monte Alba non sen antes pasar por outra área recreativa onde hai cartel da antiga escola taller forestal. Xa na estrada nos atopamos cun edificio en ruinas que é a antiga incineradora e ao seu carón podemos observar o arboreto de Rego Loureiro, xa en territorio da parroquia de San Andrés de Comesaña, con mais de 20 especies de árbores.

Árbore en Rego Loureiro
Esta 2ª parte ainda que a comenzamos por estrada ten mais pista que a primeira. Seguimos pola estrada ata chegar ao Parque Forestal de Aguieira. O parque forestal de Aguieira é un espazo de 3 hectáreas habilitado pola Comunidade de Monte para uso público, conveniado co Concello por 20 anos. Neste lugar sempre habitaron as aguias, de onde provén o seu nome, e ainda que predominan os piñeiros a Comunidade ten repoblado a zona con castiñeiros e carballos. Tamén ten un miradoiro pero a senda non pasa por ahí, así que non o visitamos.
Parque de Aguieira
Deixamos a estrada e subimos por unha pista pequena no lado esquerdo da estrada. Imos ir por camiños nos que antigamente transitaban mercadorías, sobre todo de pedra pois en Comesaña e Matamá hai varias canteiras, e cuias marcas das rodas dos carros quedaron gravadas nas pedras do chan, é  que se chaman rodeiras de carros.

Rodeira de carros
Seguimos o camiño, e imos chegar de novo á estrada que sube ao monte Alba, neste caso, mais arriba xusto no cruce coa estrada que baixa a Fragoselo. É un tramo da senda na que coinciden a senda local co sendeiro de longo percorrido GR-53. Baixamos uns metros a estrada en dirección a Rego Loureiro e nos desviamos á esquerda para chegar, na miña opinión aos dous puntos mais espectaculares desta senda: os muiños de Talliños e a fervenza das Lapas.

O rego Talliños pasando por un muiño
Xa antes de chegar se pode escoitar a forza da auga que leva o rego Talliños que nesta época de ano e co que leva chovido vai cheo. O monte Veciñal de Comesaña de 43,6 hectáreas está conformado por unha sucesión de cotos con fortes pendentes por cuias valgadas discorren regatos de gran importancia ecolóxica como o rego Loureiro, o rego Talliños ou o regueiro de Cartas. Os muiños de talliños son un conxunto de 3 muiños de auga dispostos en cadea que se atopan na parte alta do rego Talliños. No seu tempo, facían uso destes muiños os viciños de Comesaña e do Freixo.

Outro dos muiños de Talliños
É unha mágoa que un sitio tan fermoso teña preto unha escombreira, nos atopamos con restos orgánicos dun porco que alguén deixou alí, bolsas de lixo e ata un televisor. Baixamos uns metros pola estrada da Aguieira que vai dar ata o barrio de Pedra Branca e nos imos desviar por un camiño a man esquerda para ver a fervenza das Lapas. É o único punto problemático da senda xa que para chegar ata ela hai que baixar por unha pendente que, ao mellor para nenos ou xente que non ten boa mobilidade, non é tan doada de baixar. Coido que xa estánvendo de marcar a senda por outro sitio para mais doado para que todo o mundo poida visitar a fervenza. A  fervenza das lapas é un espazo de alto valor ecolóxico propio da flora de ribeira (amieiros, salgueiros, fieitos,etc) que se atopa na parte baixa do rego Talliños. Uns metros mais adiante ímonos atopar con outra fervenza chamada fervenza da Chan procedente do rego Loureiro.

Fervenza das lapas cuns láparos diante
Seguimos o camiño e chegamos ata o barrio de pedra branca, viramos á dereita e subimos por unha epinada estrada pegada a unha urbanización que nos vai levar ata o castro Casás ou o que queda del. Moi mal conservado, plantáronse pinos na súa croa e sufriu unha explotación de pedra mais o achegamento da urbanización. Senón chega a ser porque está sinalizado pasaría totalmente desapercibido. Atopárnose restos arqueolóxicos da Idade de Ferro e da época romana.

Castro de Casás
O camiño sube polo castro e rodea todo o monte Casás, nos leva ata á estrada que cruzamos e nos vai levar ata o último punto de interese desta ruta que é unha plantación de castiñeiros. É outro dos puntos da senda os viciños recuperaron un lugar deteriorado neste caso un vertedoiro e o convertiron nun lugar mais aproveitable e respetuoso co entorno.

Plantación de castiñeiros

O camiño nos volve levar á estrada que sube ao monte Alba que volvemos cruzar para iniciar os derradeiros metros da senda. Subimos por pistas forestais e nos volvemos a meter na parroquia de Matamá, imos bordear unha canteira outro dos puntos que a Comunidade de Montes está a rehabilitar. As parroquias de Matamá e Comesaña son coñecidas pola extracción de pedra en tempos nos que traela doutros lugares máis afasados era complexo. Algúns dos edificios mais famosos de Vigo empezáronse a construir nestas canteiras. particularmente, en Matamá, foi famoso o oficio dos canteiros ata o punto de que nos anos oitenta tiveron lugar varias edicións da Festa do canteiro. A Comunidade está agora intentando rehabilitar unha vella canteira para dar a coñecer este antigo oficio.
Unha das moitas zonas de extracción de pedra agora xa abandonada
Seguimos o camiño por pistas forestais ata chegar de novo ao asfalto que nos conduce ata o punto final que é de onde partimos: o muiño da Regueira. En resumo, unha ruta ben sinalizada non fai falta GPS, eu case non lembro cando foi a última na que non nos fixo falta o GPS, doada de facer e con alto valor medioambiental, patrimonial e paisaxístico. Destacar, por riba de todo, o empeño da Comunidade de Montes destas dúas parroquias en recuperar e conservar zonas para o disfrute e coñecemento de todo o mundo. E isto é loable tendo en conta que non todas as Comunidades de Montes están por esa labor nin o resto de persoal pola labor de conservar e é unha mágoa. En canto á toponimia, Gerardo Sacau, no seu libro Vigo nalgún dos seus topónimos, nos fala que Matamá provén de dous termos Mata (bosque incultivado) e Má (zona de difícl acceso) e Comesaña provén tamén da unión dos termos Com e Insannia que pode sIgnificar algo como "comer podre" ou "persoa de mal carácter".

Criadeiro de vacalouras
En fin, espero Que vos animedes a percorrer e a coñecer estas dúas parroquias de Vigo. podedes ollar o resto de fotos deste sendeiro neste enlace.







2 comentarios:

  1. Boas!
    Un día sen plan atopamos o voso blog e animamonos a facer esta andaina (está moi cerca da casa), que non coñecíamos.
    Detallades moi ben e moi fielmentes as partes interesantes do percorrido.
    Xa iremos facendo máis andainas que tes no blog.
    Gracias, e Segue publicando!
    Apertas.

    ResponderEliminar
  2. Pois grazas a ti Guille por visitar o blogue, precisamente a idea do blogue era esa, tentar explicar o mais fielmente posible a ruta, non só os puntos mais interesantes senón o estado da ruta, porque moitas veces tentas facer unha ruta collida do wikiloc, por exemplo, onde só tes o gps da ruta e algunha foto e logo te levas un chasco porque resulta que o camiño está case intransitable. Só engadir (aparte de que a ver se me poño as pilas e subo algunha ruta mais) que se te animas a facer algunha ruta das que colgamos aquí que saibas que se pode facer en menos tempo do que a facemos nos, xa que nós nos paramos mogollón, entre eu que gusto da fotografía e que non tod@s levamos o mesmo ritmo, sempre digo que unha persoa ou varias ao mesmo ritmo poden facer as rutas que colgamos como mínimo con media hora ou unha hora menos de tempo. Unha aperta e non dubides comentar de novo se fas algunha mais mais que nada por se atopas algún cambio na ruta.

    ResponderEliminar