domingo, 4 de outubro de 2015

II andaina Oia existe


Datos técnicos

Lonxitude: 9.93 kms
Tipo: Circular
Non sinalizado, non homologado.
Altitude máx: 605 ms
Tempo: 3 horas 30 minutos (2 hora 27 minutos en movimento)
Saida e chegada desde a Cruz de Pau, no límite entre Burgueira, Viladesuso e Baiona
M.I.D.E.: 6 (2 severidade, 3 orientación, 2 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


A andaina que vos traemos hoxe foi unha andaina organizada pola Asociación forestal e de educación mediambiental A Jalleira (podedes ollar o seu blogue neste enlace, tamén teñen facebook). Fixémola no mes de xuño pero tivemos a mala sorte de contar con mal tempo polo que tiven que volver outro día para poder sacar fotos. A andaina transcurriu pola Serra da Groba, pola súa parte alta e con esta andaina A Jalleira quería expoñer e dar a coñecer o valor paisaxístico e etnográfico da Serra. 

O percorrido non está sinalizado con nigún tipo de marca polo que para seguilo é imprescindible o uso de GPS. Para chegar ao punto de partida da andaina situado nun lugar chamado Cruz de Pau tedes que chegar ata Baiona e coller a estrada que vai ata Loureza, Torroña, Chan da Lagoa ou a Virxe da Rocha ( é a mesma estrada). O punto de inicio da ruta está a 13 kms desde que iniciamos esa estrada. Para quen non coñezades esta zona dicirvos que o primeiro que atoparedes nada mais comenzar a estrada é o monumento da Virxe da Rocha, ainda vos faltarán 13 kms para chegar ao punto de partida. Non hai que coller ningún cruce sempre seguide esa estrada. A uns 6 kms atoparedes unha zona chá con mesas para facer churrascadas, iso é Chan da Lagoa, seguide subindo. A uns 10 kms atoparedes a man esquerda O Cortelliño, un miradoiro natural cunha das mellores vistas do sur de Galicia, a un km miraredes unha caseta forestal no alto dun outeiro, ese é o Alto da Gabiñeira e ahí a estrada empeza a descender cara ao Rosal. Desde o alto da Gabiñeira ata o comenzo da ruta son dous kms, pasaremos polo cartel indicativo de que entramos na parroquia de Oia, logo o cartel de Viladesuso e a uns 300 metros atoparemos unha zona para poder cambiar o coche de sentido, ahí é onde deixaremos o coche para empezar a andaina, xusto antes do cartel de Burgueira.
Pista pola que comenzamos a ruta

Despois dunha breve explicación da toponomia da zona comenzamos a andaina por unha ancha pista forestal que se atopa enfronte de onde deixamos o coche. A ruta vai ser percorrida case toda por pistas forestais anchas algunhas veces algo empedradas. Ao comenzo da ruta ainda podemos ver algún pino pero a medida que nos adentramos na serra a vexetación predominante son os arbustos e os toxos. 
Primeiras indicacións ao grupo antes de iniciar a andaina

Ao 700 metros de comenzar a andaina facemos a primeira parada no primeiro punto de interese da andaina. A Serra da Groba esconde tras de si moitos valores e, entre eles, vestixios do noso pasado desde o Neolítico, a Idade dos metais e o Medievo. Neste punto atopamos dúas mámoas que nos falan que hai moito tempo o alto da serra estivo ocupado. En concreto atopamos mostras do Neolítico a través de dúas mámoas e uns muiños naviculares de soporte fixo que atopamos no Corno Ladredo. As dúas mámoas atópanse en moi mal estado de conservación, de feito unha delasten espichado un marco de pedra de delimitación por riba (a chamada Mámoa da Boca da Groba). Se alguén non vos di que eses túmulos son dúas mámoas pasades por ela sen darvos conta xa que non están sinalizadas e están moi mimetizadas coa paisaxe. 
A mámoa da Boca da Groba co seu marco espichado enriba


É frecuente atoparnos no noso camiño con vacas (rubias galegas), ouvellas e cabalos (tamén chamados garranos, burra do monte ou cabalo de pura raza galega). A serra da Groba é un dos poucos lugares onde se poden observar cabalos en estado de liberdade, cabalos que veñen ocupando esta zona desde tempos prehistóricos como así asemellan mostrarnos os petroglifos do Outeiro dos Lameiros e que tiveron unha importancia ecolóxica, comercial e etnográfica na zona ao longo dos séculos. 
Cabalos de pura raza galega e ao fondo o Monte Salgueiro

Por desgracia o número de cabalos disminuiu bastante nos últimos anos. Neste enlace podedes ler algunha das causas e consecuencias da disminución de cabalos na serra de A Groba e como poder axudar a evitala.
Sácame guapo na foto ¿eh?
Seguimos o camiño cara ao noso segundo punto de parada que é o Corno Ladredo e a Pedra da Gata. O camiño faise por unha pista forestal ancha, ás veces algo empedrada e serpenteante. Pasamos por diante do Monte Salgueiro ou Campuchán coa súa caseta distinguible no cumio. No chan de vez en cando nos atopamos con areeiros que aproveitan os cabalos para rozarse e tentar sacar os parásitos.
Areeiro e ao fondo á esquerda Corno Ladredo
Silencio... a dous kms do inicio da andaina só escoitamos silencio; nin un ruido. ante nós se extende unha ampla zona cha verde chamada Chan da Calzada. Vemos como o camiño serpentea ata ao fondo da Chan onde se atopa unha pequena elevación culminada con rochas graníticas e ata alí nos diriximos.

Subida a Corno Ladredo e á Pedra da Gata
Subimos por unha pequena pendente duns 200 metros para chegar ata a Pedra da Gata. Punto no que concordan 4 concellos: Baiona, Oia, Gondomar e Tomiño. As vistas son espectaculares e ben merecen un pequeno descanso para retratalas. Cun día claro podemos ollar ata Fisterra.

Vistas cara ao norte desde Corno Ladredo
Estamos a uns 605 metros sobre o nivel do mar. A contraposición da paisaxe é clara do que vemos cara ao norte co que vemos cara ao sur. Cara ao norte vemos o mar, as Cíes, Monteferro, O Morrazo, e ata mais alá se o non hai néboa. Según miramos cara ao leste, O Monte Castelo en primer termo, detrás o Mauxo e detrás o Monte Faro de Domaio. Se seguimos virando cara ao leste, vemos a serra do Galiñeio e cara atrás a serra do Suido. E tal como imos virándonos ás nosas costas nos volvemos a atopar coa paisaxe desoladora da Groba coa chan da Calzada flanqueada polas cotas das Teixugueiras e O Campuchán ou Monte Salgueiro.
Remata o verán en Corno Ladredo

Andamos unos 30 metros á esquerda polas rochas graníticas para atopar outro vestixio do Neolítico, 3 muiños naviculares de soporte fixo. Co Neolítico houbo un gran cambio nos costumes: empezouse a domesticar aos animais (comenzou a gandeiría), empezouse a cultivar, co que a vida se fixo mais sedentaria e se crearon una serie de utensilios cada vez mais especializados acodes coas novas tarefas. Entre eles os muiños de soporte fixo que se utilizaban principalmente para machacar e moer vexetais. Sobre estes muiños pensa que foron utilizados mais adiante na época dos metais tamén para machacar e moer minerais.
Muiños naviculares de soporte fixo

Desde Corno Ladredo tamén podemos observar a ringleira de pedras fincadas que fan de marcos divisorios entre Oia e Baiona
Á esquerda:Oia, á dereita: Baiona

Baixamos de Corno Ladredo e viramos á esquerda e o camiño vainos levar por detrás das Teixugueiras e o Campuchán hacia as Tomadas do Ferreiro. Alí xunto a unhas pereiras bravas facemos o noso avituallamento antes de seguir o camiño. 
Foto do grupo xunto a unhas pereiras
No camiño podemos ver vetas de esquistos. Ainda que a maioría de rochas son graníticas pola serra da Groba pasa o complexo sedimentario Monteferro- O Rosal. Así podemos atopar gran variedade minerais como granito, cuarzo, andalucita, volframio, casiterita, ouro... Xa desde tempos do Bronce se ven utilizando a Groba para extraccións de minerais incluso hai minas da época romana. Quero sinalar isto porque dentro desta andaina quísoxe poñer enfase non só no coñecemento dos valores da serra senón tamén dos perigos que ameazan á serra. Se antes falaba dos cabalos e do impacto que está a ter o novo Decreto da Xunta hai que sinalar que a serra da Groba está ameazada pola proxección dun parque eólico e dunha mina a ceo aberto. Como o día levantouse chuvioso durante o camiño tamén podemos observar numerosas píntegas comúns.
Píntega común

Seguimos avanzando e chegamos ata unha zona chá por detrás do Campuchán. Sitúase entre o Campuchán e o Alto da Mira ou Alto do Lousado e se chama Os Puxeiros. Lin nalgures que Os Puxeiros fora hai algún tempo o curro mais importante de A Groba.
Os Puxeiros desde a pista que vai a Foxo Pedriño

Se seguimos o camiño este empeza a ser costa arriba e nos leva cara ao foxo do lobo. Nembergantes, antes nos imos desvíar para ver a Laxe Cruzada ou Pedra escrita. Para iso nos metemos por Os Puxeiros, de fronte temos unha pista inclinada que nos leva ata o Alto da Mira Ou Monte Lousado que non imos coller (quedará para outra ocasión) e a man dereita hai outro camiño que vai pola base da ladeira do Alto da Mira e que o bordea e que nos vai levar ata a Laxe Cruzada. Como as mámoas, esta pedra con petroglifos tampouco está sinalizada así que senón é por alguén que a coñeza e no sitio tan afastado no que está non é doado atopala e podes pasar preto dela e non darte conta.
Petroglifos da Laxe cruzada ou Pedra escrita
E é unha mágoa porque este petroglifo é único contén 110 cruces (de ahí o nome de Laxe cruzada), outros símbolos e o labirinto mais grande de Europa con 1,10 metros de diámetro. Os petroglifos datan da idade de Cobre e do Bronce (3000-2000 antes de C) e as cruces foron feitas posteriormente nun intento de "cristianizar" os petroglifos.
Detalle dunha das figuras da Laxe cruzada
Voltamos para atrás e collemos a pista que nos sube ata o Foxo Pedriño, un foxo para lobos que non se conserva en bo estado xa que por onde debería estar o foxo (o buraco) onde caían os lobos que fuxían da batida pero foi tapado cando o antigo ICONA fixo a pista para repoboación da zona. Por desgracia, non hai foxo nin hailobos na serra da Groba desapareceron nos anos 70. Ainda se conservan algunhas das pedras que facían de muro polo leste e que levaban ao lobo hacia o foxo. Este muro tería unha distancia de mais de 1 km de longo e a súa altura podería ser superior aos 2 metros. Hai documentos do século X que falan de fosas luparias nas terras de Oia e en 1123 hai outro documento que fala dunha na serra da Groba que podería ser o Foxo Pedriño. 
 
Pista do Foxo Pedriño. Ao fondo o Monte Sta. Tegra e o MIño e Portugal.
E do Foxo Pedriño voltamos ao punto de inicio da ruta situado a 2 kms. Agredecer a A Jalleira a programación desta ruta para dar a coñecer o valor natural e histórico desta rutae a ver se coincidimos en mais rutas.

Podedes ollar todas as fotos da ruta pinchando neste enlace.





Ningún comentario:

Publicar un comentario