luns, 27 de outubro de 2014

Roteiro Portecelo - A Guarda


Datos técnicos

Lonxitude: 12.12 kms
Tipo: Lonxitudinal
Non sinalizado
Altitude máx: 468 ms
Tempo: 3 h 57 min.
Saida desde a área recreativa de A Cruz da Portela (Portecelo-O Rosal) e chegada ao Castelo de Santa Cruz (A Guarda-Pontevedra).
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 3 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina lonxitudinal que forma parte dunha serie de etapas que fixen co grupo de sendeirismo de Baidesendas, que nos propuxemos ir de Baiona ata A Guarda (uns trinta e pico kms por estrada), facendo roteiros curtos duns 10-15 kms tentando visitar nesas etapas os valores paisaxísticos e culturais (que son moitos) os que nos ofrece o tramo entre Baiona e A Guarda (o doado sería facelo por estrada). Neste caso a etapa que vos traio hoxe correspondería á 5ª etapa entre Portecelo (O Rosal) e A Guarda.

Preparados para iniciar a ruta. Detrás a pista que imos seguir
A ruta ten dúas partes ben diferenciadas unha primeira na que imos pola serra de O Torroso a través de pista forestal e unha segunda, cando despois de baixar o alto de O Torroso, chegamos á estrada Baiona -A Guarda  e imos ata a praia de Area Grande para facer un percorrido pola costa ata chegar ao porto, ver as rúas estreitas do barrio das mariñas, o casco antigo... para rematar no castelo de Santa Cruz. En resume, un percorrido variado, cunha primeira parte cuio maior valor é o paisaxístico e unha segunda cunha paisaxe mais urbana (se A Guarda se pode considerar urbana), onde damos un paseo pola historia da vila.

O camiño transcurre entre piñeiros
Comenzamos a andaina desde o merendeiro da Cruz da Portela que se atopa na parte alta de Portecelo. Portecelo é unha aldea que se atopa na estrada Baiona- A Guarda (C- 550) a uns 3 kms antes de chegar á Guarda e que pertence ao Concello do Rosal. Ao chegar a Portecelo, se imos dirección á Guarda, a man esquerda imos ver un cruce que indica a Sanxián e ao Rosal, collemos esa estrada que nos sube polo monte, seguimos a estrada dirección Rosal e case ao chegar ao alto imos ver a cruz a man esquerda. Ao chegar ao alto hai un pequeno chan antes de empezar a baixada cara ao Rosal. Pois nese chan se atopa o merendeiro e o inicio da nosa ruta.

Campo de tiro
A man esquerda atópase o merendeiro e a man dereita podemos ver un cartel que indica o campo de tiro de A Portela e dous pistas forestais que fan unha V e tamén observamos o alto da Camisalva coa súa antena e radar. A da esquerda nos leva cara ao Rosal, asi que hai que coller a pista da dereita que nos leva ao campo de tiro e á serra do Torroso. Collemos a pista e aos 20 metros xa atopamos o campo de tiro de A Portela, no que por certo coincidimos con cazadores.

O alto da camisalva de fondo
Seguimos pola pista forestal camiño ao alto da Camisalva. hai que dicir que ainda que o camiño non está sinalizado seguindo sempre de frente a pista sen coller ningunha desviación se chega ata o alto do Torroso, de todos modos vaivos facer falta GPS. En teoría debería estar marcado como GR-54 coas marcas vermellas e brancas, pero nós non vimos ningunha soamente unha cando chegamos á estrada Baiona-A Guarda.

Portecelo e a costa de Oia
A 1 km de comenzar a andaina e despois dunha pequena subida non moi exixente chegamos ata a un radar e a 10 metros observamos a antena que se atopa no cumio do alto da Camisalva, collemos un pequeno camiño que se atopa á esquerda para chegar ata a antena. Desde o alto da Camisalva, tamén chamado Gamisalva, pódese ollar Portecelo, o océano atlántico, a aldea de Marzán (O Rosal) e se colledes un día despexado coma nós (ainda que había unha néboa baixa) podedes ollar a serra da Groba e o Galiñeiro. Tamén limos antes de sair que hai varios petroglifos na serra, e un se atopa no alto da Camisalva. Non o dimos atopado, ningún dos petroglifos se atopa sinalizado. Só atopamos un no alto do Torroso.

Vistas ollando ao sur desde o alto da Camisalva 
Deixamos o alto e volvemos á pista forestal para seguir o noso camiño. Agás un par de pendentes o resto do traxecto ata o alto faise ben, hai unha pendente pronunciada a medio camiño entre o alto da Camisalva e o alto do Torroso e outra xustamente para subir ao alto do Torroso, de todos modos ambas subidas son curtas. Chegamos así ao alto o Torroso punto mais alto do percorrido ata os 468 metros. As vistas desde alí son espectaculares, polo oeste a inmensidade do Atlántico e as cetáreas na costa, polo este O Rosal, Salcidos e o Miño, polo sur o Monte Santa Tegra e A Guarda e polo norte o alto da Camisalva e o campo de Torroso.No alto tamén podemos atopar unha virxe que alguén deixou dentro dunha coviña feita nunha rocha granítica e uns petroglifos que están nunha rocha que teredes que buscar porque non están sinalizados (se atopan a 10 metros da virxe.


Panorámica desde o alto do Torroso (vistas do norte)
Ainda que apetecía quedarse mais a contemplar a paisaxe tivemos que seguir o camiño e comenzamos o descenso cara á Guarda. o descenso faise por un cortafogos bastante ancho do que hai que desviarse un pequeno tramo porque está ocupado por rochas dificiles de salvar. Baixando polo cortafogos seguimos este acompañados dunhas torretas de alta tensión que nos van levar a unha pequena estrada, collemos a man dereita por esa estrada que nos vai levar ata a estrada de Baiona - A Guarda no lugar chamado As Loucenzas que coñeceredes porque é unha zona de lecer cunhas mesas e un cruceiro no lado dereito da estrada se imos dirección á Guarda e que está xusto na entrada de A Guarda pasando a gasoliñeira. Hai que cruzar a estrada, moito coidado porque é unha curva e collemos a estrada que baixa á praia de Area Grande.

Vistas do sur desde o alto do Torroso
A partires de aquí vai ser todo asfalto. Na praia de Area Grande hai un gran panel indicativo que nos informa dunha ruta litoral que vai desde a praia de Area Grande ata a praia do Muiño en Camposancos (5,6 kms ida), ámbalas dúas praias bandeira azul. Nós fixemos un tramo desa ruta.

Praia de Area Grande
Pasando a praia de Area Grande nos atopamos cun areal mais pequeno que é a praia de Fedorento, cun lavadoiro e zona de recollida e secado de argazo desde hai mais dun século. A miña aboa cóntame que ía cargada cun capacho na cabeza cheo de argazo para vendelo desde A Guarda ata Oia. Daquela sería para vendelo como abono, o que recollían desta vez nos contou un home que estaba cargando sacos de argazo é utilizado en cosmética.

Argazo na praia de Fedorento
Subimos por un paseo de madeira, a man esquerda temos as "casas baratas", e á dereita un parque infantil polo que nos imos meter porque imos por un pequeno sendeiro que vai pegado ao mar e que nos leva ata ao porto. Antes de chegar ao porto poderemos observar ás ruinas dunha antiga cetárea no mar. xa desde alí divisamos o dique oeste do porto (coñecido por estar totalmente pintado) e o museo do mar.

Atalaia e dique do porto
O museo do mar é unha réplica ou reconstrucción dunha atalaia que na súa orixe se atopaba no dique sur pero que foi derruida para a ampliación deste. A Atalaia é unha edificación militar, que foi levantada polos portugueses no ano 1666 no contexto da Guerra de Restauración (1640-1668). daquela andabamos a piñas cos portugueses e eles con nós, e durante 3 anos A Guarda foi conquistada polos purtegueses. Abandonada e destruida definitivamente no ano 1943 coas obras de ampliación do porto, a edificación que nos atopamos hoxe, no dique oeste do porto, foi realizada pola Escola Taller de A Guarda no ano 1997. Á atalaia só se tiña acceso cando a marea estaba baixa e estaba constituida por unha cámara abovedada facía as veces de polvorín, e circundada por unha galería e unha plataforma superior onde se situaba a artillería e a garita do centinela. En 1779 foi reedificada para facer fronte ás incursións de piratas africanos e no período de 1804 a 1808 funcionou como batería defensiva que protexía os barcos corsarios españois que atacaban aos buques ingleses que comerciaban con Portugal e viñan ao porto guardés a refuxiarse. En época de paz chegou a utilizarse de faro. Hose en día, a atalaia alberga o Museo do Mar que ademais de contidos etnográficos distínguese por albergar unha importante colección malacolóxica.

Un dos moitos recovecos do barrio da Mariña
Seguimos a andaina polo paseo peonil do porto á man dereita podemos observar o dique sur e a lonxa, de frente as casas do barrio de San Caetano e por riba delas alzándose maxestusoso, o monte Santa Tegra. ä nosa esquerda temos o barrio das Mariñas, que naceu ao albor do porto. E por el nos metemos para rueirar, nunca mellor dito, polos seus rueiros estreitos e cheos de escalinatas. A principal modificación da paisaxe guardesa entre o XIX e o XIX foi a construción do Porto. Inician os trámites a mediados do XIX o Gremio de Mareantes que solicita ó Concello e Goberno fondos para arranxar o pequeno porto “si bien no se puede llamar  puerto al boquete continuamente agitado por las olas”, solicitaban ampliación da entrada, construción dun pequeno peirao e un varadoiro. A finais de século impulsadas polo Director Xeral de Obras Públicas e deputado polo distrito de Tui D. Ezequiel Ordóñez González póxanse as obras do porto, construíndose por etapas nos anos seguintes, e logo de moitas dificultades pola forza dos temporais, o Varadoiro da Vía, dique Sur e dique Sudoeste.Arredor del vai xirar gran parte da actividade económica da Guarda durante todo o século XX e desenvólvese o vello barrio da Mariña coas típicas construcións de casas estreitas e fondas, sobre de todo na rúa Malteses, baixo para os aparellos e patíns  nos que  se puñan a secar as redes, roupas de augas, aparellos, a bogada familiar e ademais servían de solaz e conversas para os maiores, dende elas divisaban as gamelas e barcos, así como ollaban a faciana do día.


Convento de San Bieito
De rueiro en rueiro chegamos ata o Convento de San Bieito das monxas benedictinas. Fundado no século XVI pola familia Ozores de Sotomayor. As monxas abandonaron o convento no ano 1983 e trala reforma o convento converteuse nun afamado hotel e restaurante. A igrexa, pequena e deteriorada, reconstruíuse no XVII e sege adicada ó culto relixioso.

Parte do muro da antiga cidade medieval
Deixamos o convento e imos subir as escaleiras da rúa Colón que nos van levar á zona antiga de A Guarda. Sábese que na época medieval esa zona estaba totalmente amurallada. Hoxe en día poden observarse restos dos lenzos da antiga muralla que defendía a poboación dos ataques externos. Na actualidade dan nome ás rúas onde se encontran:  O Muroe Ireira. A actual Rúa Colón, daquela rúa do medio, dividía en dous sectores a cidade amurallada. No comezo e no final encontrábanse as únicas portas de acceso á vila. As escaleiras de pedra tamén datan de tempo inmemorial, comunican o centro da vila co barrio das Mariñas.

Praza do Reló
A rúa Colón nos leva ata a Praza do reló, onde se ubica o concello de A Guarda. A actual do praza do Reló recibiu outros nomes en función da época e da situación política do momento: Praza Maior ata o século XVI, logo praza da Constitución, da República, de España. Os edificios máis significativos son o actual Concello, a torre do Reló e a Casa dos Alonsos.A torre, emprazada no máis alto do recinto amurallado, protexía un dos accesos á vila. No 1570 levantouse a actual torre sobre outra primitiva. No corpo da torre deben salientarse dous escudos de armas.

Igrexa de Santa María
Subimos uns metros mais para arriba e chegamos ata a igrexa de Santa María. A igrexa parroquial orixinalmente románica ampliouse no século XVI, sendo bispo de Tui Diego de Torquemada. No interior destaca o retablo da capela maior de estilo borrominesco do século XVIII dedicado á Asunción da Virxe María

Porta da Vila
Pasamos a igrexa por detrás e nos diriximos á rúa Puerto Rico, rúa principal de A Guarda, nome do país ao que emigraron moitos guardeses. Nesta rúa se atopan varios edificios de estilo indiano realizados por emigrantes retornados. Pasamos polo ex-colexio San José e polo antigo colexio Sinde, agora reconvertido en albergue de peregrinos. Enfronte do albergue, hai unha rúa estreita que nos leva á entrada principal do Castelo de Santa Cruz.

Baluarte da Cruz. Garita e o alto do Torroso de fondo
Os portugueses, no marco da guerra da independencia portuguesa entre 1640-1668, conseguen ocupar o castelo de San Lourenzo en Goián e inmediatamente, no 1663, reinando en España Felipe IV decídese a construción dun castelo, como salvagarda contra os portugueses, poñendo o nome de Santa Cruz en lembranza de Alvaro de Bazán, 1º marqués de Santa Cruz. A necesidade obriga e tan só un ano despois rematan as obras. Na súa construción, dirixida polos coroneis enxeñeiros Carlos e Fernando Grunemberg, emprégase a pedra da antiga muralla medieval.O castelo ten dúas portas: a porta da Vila (entrada principal) e a porta de Socorro e catro baluartes chamados de Santa Trega, A Guía, Santa Cruz, e San Sebastián. No recinto militar había capela, cuartel para as tropas, cortes, almacéns, un lugar para gardar a pólvora, carnicería, capela, casa para o gobernador e outras dependencias. Tiña dúas portas, a entrada principal que sobe perpendicular á rúa Porto Rico e a de Socorro perpendicular á rúa Doantes de Sangue. A pesar da resistencia das tropas e paisanos ó mando do Gobernador militar Jorge de Madureira, o castelo sería tomado polo exército portugués en novembro de 1665 ó mando do Conde de Prado, ocupándoo ata o remate da guerra en febreiro de 1668.


O castelo de Santa Cruz por dentro
Nos tres anos de dominio portugués da vila, ademais de teren queimado os arquivos oficiais, ordenan construír a atalaia do porto. Este lugar sempre foi un sitio estratéxico, isto demóstrao que no seu interior se atopa un petroglifo. O castelo acabou pasando co tempo a mans privadas destinándose á explotación agraria, fábrica de embutidos e, a principios do século XX, á fabicar a cerámica de Santa Cruz proveedora da Casa real. Despois de 150 anos en mans privadas o Concello consegue a titularidade pública e o rehabilita. Agora se pode disfrutar del e no interior podemos disfrutar dun fermosos parque con varias especies arbóreas.

Podedes ollar todas as fotos da ruta neste enlace.

mércores, 15 de outubro de 2014

Roteiro Vilasobroso-Castro de Troña-Mondariz Balneario


Datos técnicos

Lonxitude: 13.46 kms
Tipo: Circular
Non sinalizado
Altitude máx: 398 ms
Tempo: 4 h 04 min.
Saida e chegada desde o Castelo de Vilasobroso (Vilasobroso-Mondariz).
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 3 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina circular que baixamos do wikiloc. A andaina percorre 3 puntos de grande interese equidistantes entre si (a uns 3 kms uns dos outros) que son: o castelo de Vilasobroso, o Castro de Troña e Mondariz Balneario. Eu recomendaría facela mais curta visitando só dous puntos: ou facer castelo de Vilasobroso-Castro de Troña, ou Castelo de Vilasobroso-Mondariz Balneario ou Castro de Troña-Mondariz Balneario. E ¿por que?, pois porque os 3 lugares teñen un montón de cousas que invitan a pararse con calma a observar e agás que fagades a ruta con mais tempo non é suficiente para mirar os 3 lugares ben, agás que sexades deses que van a toda caña andando sen pararse (nós non, o sendeirismo non o entendemos así).
O castelo de Vilasobroso, punto de partida da andaina
A nós a ruta se nos fixo longa, saimos ás 9:30 e chegamos sobre as 13:30 horas. Partimos da porta de abaixo do Castelo. Á volta xa non nos deu tempo a subir andando ao castelo. Hai que apuntar que desde a porta de abaixo ata o castelo pode levar unha hora se fas o percorrido polo arboretum que hai ao redor do castelo, mais o tempo que votes en visitar o castelo se entras fai que a zona do castelo leve entre unha e duas horas. Por iso vos recomendo facer a ruta vendo só dúas cousas porque leva o mesmo tempo e polo menos te dará tempo a disfrutalas.
A entrada de abaixo do castelo. No lado dereito está a estrada para ir ao castro
Feita a recomendación, comenzo coa crónica da ruta. Partimos como dixen do castelo de Vilasobroso ou Sobroso desde a súa porta de abaixo (á hora que chegamos a porta estaba pechada, eran sobre as 9:15 da mañán). Mirando de frente a porta do castelo, á man dereita hai unha pequena estrada cun cartel que indica o castro de Troña. Collemos esa estrada. Apuntar tamén que, por desgracia, a ruta faise nun 90% por asfalto agás 3 pequenos tramos por pista de terra. Esa estrada nos leva ata o barrio de A Ermida pertencente á parroquia de Pías pertencente á súa vez ao concello de Ponteareas. Alí colleremos un dos poucos tramos da ruta por pista de terra ata enlazar coa estrada que vai ao castro de Troña.
A pequena ermida de A Ermida
Así chegamos ao castro, que hei de recoñecer que non coñecía e quedei gratamente sorprendido. O nome engana porque parece que vas a ver un castro só ou te esperas algo pequeno e te atopas con ese poboado tan extenso, todo con paneis explicativos e ben coidado ademais da capela e diferentes cruceiros e fontes que fan un conxunto bastante chamativo.
O Castro de Troña atópase no monte denominado do Doce Nome de Xesús, por atoparse no seu cumio unha ermida co mesmo nome. Atópase a uns 280 metros sobre o nivel do mar. Este poboado castreño ubícase na parroquia de Pias, a tres kilómetros de Mondariz-Balnerio e a uns 3 kms do castelo de Vilasobroso.
Panel indicativo
A cronoloxía deste castro é amplia, situando a orixe do mesmo hacia o século VI a.C. e chegando o final do mesmo hacia o século II d.C..
O recinto do Castro posúe forma elíptica u oval, presentando amplias terrazas na pendente oeste e ancho foso excavado na rocha polo Nacente. Posúe un complexo sistema defensivo que nos sinala a extraordinaria importancia deste castro na súa época. Estas defensas están formadas por murallas, foso e parapetos. Podemos observar dous lienzos de murallas de 2 a 5 metros de altura. A destacar é o torreón que posúe a primeira muralla na súa parte Este, un dos poucos exemplares que se coñecen deste tipo no Noroeste peninsular. No nacemento do castro existe un profundo foso de 18 metros de altura e 10 metros de ancho no seu fondo. Completa este sistema defensivo dous pequenos parapetos formados de pedra e terra, que protexen ao castro polo seu lado Nordeste. Posiblemente posuía unha ou varias entradas que ata a data non se poden determinar con precisión, ainda que podemos supoñer que están situadas, unha no Nacente xunto ao torreón da primeira muralla e a outra hacia o Poñente do castro, xa na segunda muralla.
Algunhas das vivendas do castro. Á esquerda pódese observar parte do foxo
O Castro de Troña conta na actualidade ao redor de 30 construccións castrexas. Peculiar é a variada tipoloxía das vivendas castrexas localizadas neste importante xacemento. Existen construccións castrexas de todos os tipos coñecidos: pranta circular, elíptica, cadrada e rectangular. Ademais son muoi interesantes as diferentes modalidades de vestíbulos que presentan algunhas destas vivendas.
Foron moi abundantes os materiais arqueolóxicos atopados neste interesante castro galego. Destacan os seguientes: cerámica indíxena de rica decoración yediferentes tipoloxías, numerosos fragmentos de ánforas romanas, varias labras castrexas, muiños de man circulares e naviculares, moedas de bronce romanas; fibulas, alfileres, apliques, hacha de ferro; colgantes,...
Petroglifo en forma de serpe
A destacar é o importante petroglifo que representa unha serpe en posición heráldica, que se atopa gravado na cara vertical dunha rocha con forma de altar para sacrificios e que forma parte dunha construcción castrexa situada hacia o Nacente. Na parte superior da rocha labrouse unha canle, pola que correría o sangue das víctimas, para caer sobre a parte vertical e lisa da rocha na que se atopa o petroglifo da citada serpe. Este altar seica estaba destinado a fins rituais e ceremoniais. Esta serpe e o castro teñen as súas correspondentes lendas.
Na parte superior do castro podemos contemplar unha ermida adicada ao Doce Nome de Xesús, dous cruceiros de magnifica labra, unha fonte (de comenzos do século XX), dous castiñeiros que deben ter a súa idade e un mirador espléndido hacia o val do Tea.
Fonte e cruceiro no castro de Troña
Deixamos o castro e continuamos o noso camiño pola estrada dirección a A Ermida. Aquí teño que comentar que o GPS do compañeiro que fixo conmigo a ruta e o meu se volveron tolos (nós usamos dous programas no móvil para gravar as rutas: o oruxmaps e a aplicación de wikiloc), de feito se ollades a ruta que subín ao wikiloc no tramo que aparece despois do castro de Troña fai unha liña recta cando debería pasar polas bandirolas amarelas, é o único tramo que gravou mal o GPS. Así que saindo do castro, seguindo pola estrada que vai a A Ermida a uns cincocentos metros vemos a man esquerda unha pista cun tanque de auga. esa pista non hai que collela, é a que marcou o GPS en liña recta pero nin siquera é un camiño en liña recta. Hai que seguir a estrada uns metros mais, empeza unha forta pendente e a estrada vai a facer unha curva á dereita, pois nesa curva en vez de seguir a estrada hai que coller unha pista forestal que se atopa á nosa esquerda. A pista ao principio non es tá moidescoidada e despois dalgún cruce de pistas imos chegar a unha pista que si está bastante abandoada e os toxos xa están crecendo polo que vos recomendo se a facedes que levedes un pao para apartar o toxo. Despois dalgún que outro cruce imos chegar ata o punto limpo de Mondariz Balneario e uns metros mais abaixo ao cemiterio que xa está pegado á estrada que vai de Ponteareas a Mondariz Balneario.
Pasos sobre o río Tea
Ao outro lado da estrada atópase o Colexio Cemar, cruzamos a estrada e imos pola estrada do colexio, imos pasar polo colexio, unha pista de equitación á man esquerda e unha piscina á dereita. Ao pasar a piscina hai unha casa e a estrada vira e continua á esquerda, fixádevos ben porque non hai que seguir a estrada senón coñer unha pequena pista que apenas se aprecia á dereita. esta pista vainos levar ao paseo fluvial do río Tea.
Fonte de Troncoso
Unha vez chegamos ao paseo collemos este dirección ao centro de Mondariz Balneario. Este paseo está asfaltado e hai que decir que pola outra beira do río fixeron un paseo mais longo que vai pola marxe do río e é de pista. A uns cincocentos metros de ter percorrido o paseo fluvial nos atopamos coa Fonte de Troncoso. Neste lugar se descubriron as augas mediciñais no ano 1862 polo sacerdote Domingo Blanco que ao dirixirse á parroquia de Vilar e cruzar o río polo lugar de Troncoso observou que dun muro próximo ao muiño saía auga con burbullas. Como bebera dela varias veces e a secreción urinaria non se facía esperar, comprendeu que aquelas augas tiñan propiedades diuréticas. Levou as augas a analizar a analizar a Pontevedra e Enrique Peinador (que sería o fundador do hotel e o balneario de A Toxa anos despois) xunto con outros médicos axudaron a que as augas foran declaradas de interés público en 1873. A finca en cuia ribeira brotaban estas marabillosas augas foi adquirida por Enrique Peinador que baseándose en que as augas lle pertencían por ser o ribeireño colindante entrou en pleito contra o Concello de Mondariz que argumentaba que as augas eran de dominio público, que sempre as disfrutaran os veciños. O pleito durou 32 anos e ao final caiu a favor de Enrique Peinador e o seu irmán e, mentres tanto, Peinador só poido explotar as augas da Gándara, descubertas por el en 1872, dez anos despois de ser descubertas as de Troncoso. Da reforma da fonte de Troncoso encargaríase o arquitecto Antonio Palacios no ano 1908.
A Fonte de Gándara de 1873
Seguimos o paseo ata chegar ao centro de Mondariz Balneario. Mondariz Balneario é un pobo que convida a relaxarse non só polo tema das augas termais senón que posúe un conxunto único: ademáis do balneario, os xardíns do Gran Hotel e as ribeiras do río Tea, lugares perfectos para botar relaxantes andainas. Todo comenza co descubremento das augas de Gándara en 1872 por Enrique Peinador, a partir da explotación do manantial (que non era mais cunha charca de un metro cadrado) creou, xunto ao seu irmán Ramón, un proxecto no que se incluiu o balneario e o Gran Hotel. Dentro dese proxecto houbo cousas inacabadas como a creación dun sanatorio ou da vía de tranvía Mondariz-Vigo. O certo é que Mondariz Balneario viviu o seu máximo esplendor a finais do século XIX ata os anos 20 do século XX onde empezaría o seu declive. O balneario de Mondariz foi un dos mais importantes do estado, e durante un tempo foi o punto de encontro de aristócratas, realeza e xentes da cultura. Mondariz Balneario chegou a contar con imprenta e contan as crónicas ata cunha moeda de uso interno propia. Para plasmar o proxecto contaron con dous grandes arquitectos: Jenaro de la Fuente e Antonio Palacios. O primeiro encargouse do Gran Hotel, o edificio insignia do balneario. En 1893 ponse a primeira pedra do Gran Hotel e se inaugura en 1898. En 1973, cen anos despois do descubremento das augas, o Gran Hotel sufría un incendio, agora volve a estar restaurado. Antonio Palacios encargaríase, entroutros, do acondicionamento e da cúpula da fonte de Gándara, do edificio de embotellado anexo á fonte e da remodelación da fonte de Troncoso. Ata 1924, Mondariz Balneario era unha das 13 parroquias de Mondariz. O concello de Mondariz Balneario é o mais pequeno do estado español e para conseguir a súa independencia de Mondariz Enrique Peinador, propietario do balneario, deu traballo a tres familias de canteiros e desta forma contou co número de habitantes suficientes para, dentro da lei vixente daquela, poder crear o novo concello.
Escalinatas do xardín e lateral do Gran Hotel
Non podo deixar de resaltar un dos enclaves menos coñecidos de Mondariz Balneario que é o xardín que se atopa detrás do gran hotel e que por desgracia (algo que soe ser habitual no mantemento do noso entorno paisaxístico e patrimonial) está seriamente ameazado por un convenio urbanístico que firmou o Concello cunha empresa. O convenio afecta a unha parcela de 4.100 m2 de zona verde que sería recalificada como edificable con uso residencial; tamén a outra parcela de 400 m2 que pasaría de ser zona verde a edificable para servicios municipais e, finalmente, unha terceira parcela de 1.445 m2 destinada a equipamento deportivo que pasaría a cultural, coa pretensión de construir nela un Museo da Auga. En contra disto posicionouse a plataforma SOS xardíns de Mondariz Balneario que levan todo o ano informando con charlas e roteiros da riqueza biolóxica e paisaxística e tentando protexer os xardíns. Parece ser que a Xunta non deu o seu visto bo á urbanización. Coma sempre recomendarvos a que pasedes a botar unha ollada para comprobar in situ o que suporía facer vivendas nese enclave.
Enrique Peinador pensando seguramente. "... non me amoledes os xardíns..."
Deixamos Mondariz Balneario polas escalinatas do xardín a man esquerda saimos a estrada principal e collemos o primeiro ramal á dereita que vai bordeando os xardíns pola parte de atrás. Na parte de atrás collemos unha estrada con losetas que nos leva ao barrio de San Pedro. Alí despois de varios cruces e pasar por algún lavadoiro chegamos á praza de San pedro, onde hai unha rocha con 3 cruces e tamén se atopa a área recreativa de As Pedras con 2 muiños de auga restaurados na beira do río Xabriña, un dos afluentes principais do Río Tea.
Praza de San Pedro en Mondariz Balneario
Seguimos a andaina polo barrio de San Pedro ata que chega un momento en que se acaba a estrada e por fin collemos pista forestal ata chegar a Vilasobroso. Do castelo non vou comentar nada xa que non entramos nel, xa o farei cando fagamos outra ruta, só dicir que a súa historia daría polo menos para unha temporada completa de Xogo de Tronos.

Parte das vistas desde o Castelo de Vilasoboroso
O mellor da ruta, sen dúbida, os tres puntos citados que teñen un valor histórico e paisaxístico excepcional. O peor demasiado asfalto e eses 100 metros de pista nos que creceron os toxos.

Podedes ollar o resto das fotos da ruta neste enlace.









martes, 30 de setembro de 2014

X marcha popular polos montes veciñais en man común de Candeán e Cabral


Datos técnicos

Lonxitude: 11.42 kms
Tipo: Lonxitudinal
Tramos de GR homologados y tramos non sinalizados
Altitude máx: 496 ms
Altitude min: 206
Tempo: 3 h 20 min.
Saida desde o parque forestal do monte Vixiador (Candeán - Vigo) e chegada no parque forestal de Cotogrande (Cabral-Vigo)
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 2 orientación, 2 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina lonxitudinal organizada pola asociación cultural O Coto de Cabral. A andaina foi pensada para facer por persoas de todas as idades e participaron unhas 200 persoas. Como podedes imaxinar ao ir con carros de bebés e nenos pequenos a andaina levou tres horas e pico, ademáis de que se fixeron 2 avituallamentos mais as paradas necesarias para xuntar ao grupo, co que a andaina se pode facer en moito menos tempo.
Aspecto da andaina pocos minutos antes de comenzar
A idea da organización da marcha foi dar a coñecer os montes en man común de Candeán e Cabral dun xeito tranquilo e accesible a todas as idades. Así a andaina transcurre por pistas anchas e por algo de asfalto sen ningún desnivel pronunciado e a maioría do percorrido vai seguindo sendas homologadas como o GR 94 e GR 53. A andaina  convídanos a coñecer a fauna, flora e paisaxe destes montes, sen esquecer a parte de lecer que conteñen os seus parques forestais. Tamén serviu para expresar a problemática que vén padecendo o monte mancomunado de Cabral do que vos falarei mais adiante.
Parque forestal do Vixiador
A andaina comenza no parque forestal do Vixiador (lugar onde se fai unha popular romería a comenzos de setembro).O Monte do Vixiador ten unha superficie de mais de 180.000 m2 e atópase a mais de 400 m de altitude, desde onde se poden contemplar unhas magníficas vistas do val da Louriña, os montes de Portugal, a serra do Suído e a ría de Vigo.O parque é ideal para pasar un día de lecer, xa que conta con numerosas fontes de auga potable, asadeiros e mesas.

Collemos dirección noroeste seguindo o GR 94 que vai dar á Madroa para ver a ría de Vigo. Logo collemos á esquerda e viramos de novo dirección ao parque forestal do Vixiador e pasamos a carón da mámoa Costa Freiría I, ainda que non paramos a ollala. No parque destacan dúas mámoas pertencentes á Cultura Megalítica (IV a II milenio a.C.) que, xunto con outros dolmens e mámoas, constitúen un cinto de enterramentos tumulares nos lindeiros dos concellos de Vigo e Redondela. Hai unha ruta duns 5 kms onde se poden observar ata 13 mámoas pero terá que ser noutra ocasión.
Castiñeiros observando a andaina
Por toda esta zona do Vixiador, ainda que lin que a maioría de árbores son os piñeiros, a verdade é que o que mais atopas no camiño e o que mais destacan son as frondosas: carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras, freixos,...), unha maravilla, acostumados como estamos por estes lares a ver extensións de piñeiros e eucaliptos nos nosos montes.
A lagoa de seixos
O seguinte punto interesante do percorrido é a lagoa dos Seixos. En 2006 a comunidade de montes veciñais de Candeán acondicionou esta zona para convertila nun refuxio natural de especies acuáticas. Sitúase nos nacentes do ragato San Cristovo. A variedade de formas de vida vexetal e animal fai deste hábitat un espazo de gran riqueza complementario aos montes que a arrodean. Píntegas, sapos, rás... son só algunhas das mais de doce especies animais que se poden observar nesta lagoa.

Seguimos o camiño dirección a Cabral, e chegamos ata o campo de golf do aeroclub, alí puidemos obervar a lagoa Mol tamén chamada de Retorta, é unha pequena lagoa que se atopa preto do nacemento do río Lagares e onde nidifica a galiña de río e o alavanco.
A lagoa Mol
Seguimos dirección ao aeroporto e xusto enfronte do megagaraxe paramos a facer outro avituallamento, nun pequeno bosque que recomendo visitar porque parece mentira que diante dunha pedazo de obra industrial como é o aeroporto haxa este recuncho de natureza e tranquilidade (a foto que encabeza esta crónica foi sacada ahí). Seguendo o regato Lagares damos cun muiño de auga restaurado e imos ata a rotonda do aeroporto.
Muiño de auga restaurado enfronte do aeroporto
De ahí nos metemos por detrás do Ifevi ata chegar ao parque forestal de Cotogrande, ata a zona de Liñeiriños, final da nosa andaina e onde está proxectado un macrocomplexo comercial o que arrasaría con esta fermosa zona. É unha mágoa que a veciñanza non se poña dacordo, pois seica hai división e posturas enfrontadas coa directiva da comunidade de montes pois, según me contou algún dos comuneiros alí presentes, están tomando decisións sen contar co resto de comuneiros como apoiar o Porto Cabral ou facer unha serie de aterramentos que están poñendo en perigo, por exemplo, o camiño de San Pedro, unha corredoira que daba acceso á capela de San Pedro e paso de moitos veciños de Cabral cara á feira de Puxeiros para vender e mercar gando.
Pois iso...
Desde o meu punto de vista, que non é interesado agás o meu interés por camiñar, prefiro facelo poo monte e non por un área comercial. Opino que hai outros sitios en Vigo onde poder plantar un área comercial. A min chéirame a pelotazo, tendo en conta que os que mais monstran interés sexan os políticos e os empresarios. Eu, de todos modos, vos convido a que vaiades polo parque forestal de Cotogrande e botedes unha ollada para ver o que suporía facer un proxecto tan grande nesa zona. Aquí vos deixo un vídeo que trata sobre o Porto Cabral.


En resume, andaina relaxada que se pode facer en menos tempo e que contou cunha organización de dez. recomendable para coñecer zonas de Vigo que incluso, para moitos vigueses son descoñecidas.

Podedes ollar todas as fotos da andaina pinchando aquí.

sábado, 27 de setembro de 2014

2ª andaina A.D. Vincios


Datos técnicos

Lonxitude: 13.43 kms
Tipo: Circular
Non sinalizado
Altitude máx: 246 ms
Tempo: 3 h 54 min.
Saida e chegada no pavillón municipal de deportes de Gondomar.
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 3 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina circular organizada pola Asociación Deportiva Vincios (por certo que moi ben organizada) que ten dúas partes ben diferenciadas: ata a metade do percorrido vaise pegado ao río Morgadáns e da metade adiante transcurre a meirande parte por pequenas estradas. Durante o transcurso desta relaxada andaina podemos observar e disfrutar tanto da natureza do bosque de ribeira como da arquitectura civil relacionada co río como pontes, muiños, acueducto, levadas, peiraos, lavadoiros... A ruta non ten sinalización de ningún tipo polo que fai falta gps para seguila.
Aspecto da 2ª Andaina AD Vincios
A ruta comenzámola no pavillón de deportes de Gondomar. De ahí nos achegamos ata o parque que se atopa detrás do campo de fútbol e seguimos o paseo a carón do río pola súa marxe dereita. Xusto ao entrar no parque se atopa a unión do río Morgadáns e o río Zamáns, tamén coñecido como río Vilaza, a partires desa unión e ata a desembocadura o río chámase Miñor que lle da nome á zona: o val Miñor. Pasamos por detrás do campo de fútbol, cruzamos a estrada PO-331 e imos ata o parque gondomareño de ánimas, parque que debe o seu nome á ponte medieval que alí se atopa. O parque está a carón da rotonda da estrada que vai de Gondomar a Tomiño.
Ponte de Paradela ou das almiñas
O camiño vai seguir neste primeiro treito a marxe esquerda do río Morgadáns. Aos 50 metros xa nos imos atopar coa primeira xoia que é a ponte medieval de Paradela ou de ánimas, chamada así por ter un peto de almiñas. Estes petos recollían pequenas ofrendas e limosnas dos camiñantes destinadas ao pago de misas polas almas dos que estaban no purgatorio para así redimir os seus pecados. Da ponte tense testemuña por escrito que xa existía no ano 1660  ou sexa que como mínimo é do século XVII, pero polo seu arco oxival se sospeita que podería ser do século XIV.

Outra perspectiva da ponte co seu peto de ánimas
Ainda se conserva a carón da ponte o camiño de Feira de Doce ou Camiño Vello. Esta corredoría nacía no lugar de Feira de Doce onde enlazaba coa Calzada Real a Baiona e servía de entrada á Praza de Paradela para peóns e carruaxes procedentes de Tui, o Baixo Miño e a raia con Portugal.

Leiras pegadas ao río e de fondo a serra do Galiñeiro
Seguimos a andaina pola marxe esquerda do río Miñor, neste tramo o río descende tranquilo. Nesta parte hai algunhas leiras pegadas ao camiño e se poden atopar prantas e árbores típicas do bosque de ribeira ou de galería (o nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina). As árbores mais comúns que atopamos son os amieiros, salgueiros, freixos, carballos e castiñeiros, aparte de arbustos e fentos. Os bosques de ribeira se caracterizan pola súa biodiversidade tanto vexetal como animal.
Folla de amieiro ou ameneiro
A pouco mais de 2 kms de comenzar o percorrido, chegamos a unha estrada e a cruzamos para coller a marxe dereita do río, alí xa nos atopamos cun muiño de auga, un dos varios que nos imos atopar ao longo do camiño, uns restaurados e outros en moi mal estado.
Estas dúas castañas están dicindo cólleme
A partires de ahí a paisaxe se torna mais salvaxe, o río colle forza e se poden ollar fervenzas e pozas. A 3 kms atoparemos unha poza e unha fervenza nun emprazamento máxico. Este é o tramo mais espectacular sen dúbida de todo o percorrido, desde que pasamos a ponte de Paradela ata o barrio de Gonda que foi onde fixemos o avituallamento, estanos o río acompañando con treitos en que ata parece que estamos en medio dunha xungla.
Pequeno salto no río Morgadáns
Aos 3,5 kms voltamos a cruzar unha pequena estrada, que nos leva ata uns muiños abandonados e uns metros mais adiante nos atopamos cos muiños da Serra restaurados pola comunidade de montes de Peitieiros no ano 2004. O conxunto dos muiños está acompañado por un lavadoiro e un carro. Aquí nos desviamos á esquerda por unha levada do muiño que está mais arriba e logo voltamos para atrás de novo aos muiños para seguir a ruta subindo as escaleiras.
Muiños da Serra
A ruta segue pola beira do río ata que chegamos a unha pequena pontella que collemos á dereita para achegarnos ata unha estrada porque un coche nos traía o avituallamento. Voltamos para atrás ata esa pontella e collemos de frente, a partires de ahí comenza o camiño de volta por Gondomar que agás uns tramos de pista forestal vai ser case todo por pequenas estradas.
Este tramo do camiño asemella sacado de Sleepy Hollow
Desta segunda parte cabe destacar que nos atopamos con algún lavadoiro, cruceiros e o mais interesante está ao chegar xa a Gondomar na zona que se chama Bravo, onde poidemos ver o acueducto do Bravo, que ainda que semella unha ponte é un acueducto.
Lavodoiro na parroquia de Morgadáns (Gondomar)
Este acueduto do século XVII salva as augas do río Vilaza e forma parte da canle de regadío que, desde o seu inicio en Vilaza, alcanzaba as terras do Pazo de Baludio en Mañufe, de 1623. Consta de tres bóvedas laterais con arcos de tipo conopial. Sobre unha rocha localizada nas proximidades do seu percorrido aparece unha inscrición que reza “A JUAN PSE ANO DE 1696”. É unha mágoa que o entorno onde se atopa o acueducto estexa tan abandonado e sen sinalizar.
Acueducto do Bravo
En resume, ruta moi recomendable de facer, prácticamente cha e que da para facer moitas fotos e que se pode facer ida e volta senón se quere facer o tramo por asfalto.
Vistas de Gondomar desde o camiño de volta coa  Groba de fondo
Podedes ollar mais fotos neste enlace.