martes, 16 de decembro de 2014

Sendeiro das almiñas e do foxo do lobo


Datos técnicos

Lonxitude: 14.32 kms
Tipo: Circular
Sinalizado como PR-G 109 ainda que algún cruce non está moi ben sinalizado e algunhas marcas están case borradas ou cubertas de musgo
Altitude máx: 571 ms
Tempo: 4 h 34 min.
Saida e chegada desde a Igrexa de Santa María en Caritel (Pontecaldelas).
M.I.D.E.: 9 (2 severidade, 1 orientación, 1 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Nesta ocasión nos achegamos ata Pontecaldelas, mais en concreto á parroquia de Caritel, para facer esta ruta circular que hai xa tempo que tiñamos anotada na axenda de rutas para facer. Comentar que a ruta é mais curta senón visitades os puntos de interese, é dicir, a ruta ten unha distancia de 10,82 kms en teoría, porque na práctica a nós nos sairon mais de 14 kms. iso é porque hai varios puntos de interese que están fóra da ruta e que hai que ir a miralos e volver de novo á ruta como son os saltos de auga do Verdugo, o foxo do lobo, os cruceiros de Roriz eo cruceiro Pé de Herbas. Comentar tamén que levedes calzado de sobra para cambiar porque acabas mollando os pés, polo menos nesta época do ano, e non precisamente nas poldras do río Verdugo senón porque hai unhas cantas corredoiras polas que transcurre o camiño que están anegadas (eu deixei enterrada unha bota nunha desas corredoiras totalmente enlamada e enchoupada). E por último, advertirvos de que hai que ter coidado en dous puntos que son a baixada desde a Igrexa de Caritel ata os pasos de A Fraga e entre Laxoso de Abaixo e os pasos de Coveliña porque son camiños en pendente para abaixo e o chan ten pedras que están cubertas de musgo que xunto coa humidade fan que se convirtan en auténticos tobogáns (eu e mais un compañeiro dimos cos nosos corpos no chan despois de esbarar en dous lugares diferentes, a súa caída foi en cámara lenta, a miña foi sacada dun cómic, eu por un lado e a cámara e o trípode por outro, afortunadamente á cámara de fotos non lle pasou nada). Así que coidado.

Panorámica da fachada da Igrexa de Santa María de Caritel
A ruta comenza na Igrexa de Santa María de Caritel. Caritel é unha das 9 parroquias de Pontecaldelas. A Caritel se chega pola estrada PO-255. Se ides desde Pontecaldelas colledes a estrada PO-255 que vai dirección Forzáns, ou Fornelos e auns 4 kms chegades a Caritel. ides ver un cartel que indica a Igrexa de Caritel cuia estrada se atopa a man esquerda, é unha estrada moi pequena, así que fixádevos ben. Se o facedes coma nós, que fomos desde Redondela, Pazos de Porbén, Fornelos e Caritel, tedes que fixarvos ainda mais ou preguntar a alguén porque dese lado non hai ningún cartel que indique a Igrexa. Nós nos pasamos e ao dar volta vimos o cartel que si aparace si ves desde Pontecaldelas. Unha vez que te metes nesa pequena estrada tampouco hai ningún cartel que indique a onde se vai para a igrexa, pero está a poucos metros e só hai que seguir a estrada sen coller ningún cruce.A igrexa parroquial é de estilo neogótico, deseñada por Álvaro Reyero e mais polo arquitecto diocesano Miguel Hernández e foi construida no século pasado. Anteriormente no campo da festa estaba a capela da Inmaculada Concepción, construción barroca do século XVIII substituída polo actual templo. Ao conxunto hai que engadir un cruceiro chamado de O Coto, por ser o barrio onde se atopa a igrexa, que non se indica en que ano foi feito. O que si hai xusto ao lado da igrexa é un cartel grande explicativo da ruta das almiñas.

Ao comenzo da ruta
Collemos a estrada que está a carón do panel indicativo e pasados uns 200 metros de baixada xa entramos en pista. Hai que dicir que case todo o camiño é por camiños cubertos, por certo, de follas de carballo. Desde ahí ata o río verdugo vai ser baixada e hai que ir con coidado porque hai zonas onde o chan é de camiño de pedra que está cheo de musgo e esbara. Á volta é subida e hai un par de repechóns que se fan fortes despois de toda a camiñata. Aos 600 metros de comenzar a andaina nos atopamos cunha pontella que está por riba do rego das Costiñas. Ao longo do camiño imos pasar por varios regos.

Pontella sobre o rego Costiñas
A paisaxe que nos atopamos é a que nos vai acompañar case todo o camiño. Corredoiras estreitas que seguramente hai tempo foron paso de carruaxes que por un ou ambos lados están flanqueadas por muros cheos de musgo. A esta zona se lle chama A Fraga. Pasamos por algunha vivenda abandonada e así chegamos a un dos puntos mais fermosos da ruta: as poldras do río Verdugo. O primeiro que nos atopamos son as poldras de A Fraga. As poldras, tamén chamadas pasos, peares, pasadoiros ou pasais, son pedras ailladas que se colocan sólidamente no leito do río para poder atravesalo. O tamaño e o número das pedras dependen da anchura e profundidade da corrente. a distancia entre elas equivale ao paso dunha persoa, por iso reciben este nome. Emprázanse en vados do río con pouca profundidade. Isto permite tamén o paso do gando pola orilla. Os pasos de A Fraga cruzan o regueiro de A Larpea que desemboca no Verdugo e xunto cos pasos de Portasouto se utilizaban para unir o camiño de Laxoso e o sendeiro de pescadores de Pontecaldelas co camiño á aldea de A Fraga.

Pasos de A Fraga
Pasando os pasos de A Fraga vemos a man dereita un peto de ánimas ou almiñas e mais atrás se pode observar un muiño ao cal non nos acercamos. Este peto é o que lle da nome á ruta. Este peto de almiñas é un dos catro que se atopan na parroquia de Caritel. O peto das almiñas do río érguese ao pé dun antigo camiño de moito tránsito que conducía aos viciños das parroquias de San Salvador de A Lama e Santiago de Antas hacia Caldelas e Pontevedra. O peto encáixase nun muro baixo e se divide en dous corpos separados por unha moldura recta na parte dianteira. O primeiro corpo é aberto e figura unha inscripción co nome devoto que costeou o peto: Manuel Cabirta Concha, viciño de Laxoso de Abaixo. O corpo principal presenta un nicho rectangular onde se atopa un retablo policromado e tallado en madeira que representa a San Antonio liberando ás almas do Purgatorio. O día 20 de abril de 1873 Manuel Cabirta entrega as chaves do peto ao párroco para que se encargue de recoller as limosnas para que se apliquen en sufraxios para os difuntos cuias almas están no Purgatorio.

Peto de almiñas
Pasando o peto nos atopamos cos pasos de Portasouto que cruzan o Verdugo, son moitos mais que os da Fraga pero mais recentes. É curioso ver como polo lado dereito o río transcurre manso, semella inmóvil e polo lado esquerdo colle forza e se forman rápidos. Pasado o río Verdugo nos atopamos cunha pedra cun oco onde seguramente había unha imaxe relixiosa e un cartel que avisa que o cauce do río pode subir repentinamente debido ao funcionamento dunha central hidroeléctrica (menos mal que o vimos ao pasar jejeje).

Pasos de Portasouto
Tamén nos atopamos cun cruce sinalado que nos indica o sendeiro de pescadores que vai ata Pontecaldelas e a nosa ruta hacia Lamoxo. Seguimos pola nosa ruta e pasamos un par de casas habitadas ata que chegamos ao cruce onde a ruta se converte en circular, se seguimos de frente imos a Lamoxo de Abaixo e se collemos á dereita hacia Lamoxo de Arriba. Decidimos coller á dereita e subimos unha costa que aos 300 metros nos leva ata un sinal que nos indica o desvío para ver os saltos do río Verdugo. Así que nos desviamos para ver os saltos e merece a pena. Son só 600 metros ida e volta. Ao principio, nos primeiros 50 metros, o camiño está bastante descuidado creceron os toxos e a maleza e o terreno estaba algo enchoupado pero se pasa sen dificultade, logo o resto para abaixo ata o río está ben. E os saltos (foto que ilustra este comentario) están nunha zona salvaxe do río e ideal para descansar e sacar unhas cantas fotos.

Saltos de auga no río Verdugo
Voltamos á senda e seguimos por camiños ata dar cuanha pequena estrada que nos vai levar ata a estrada PO-234 que leva ata calvelle e As Boliñas. É o único tramo de asfalto do percorrido, serán uns 700 metros ata chegar á PO-234, un pouco antes de chegar a man esquerda atopamos unha fonte e un pequeno abrevadeiro. Ao chegar á estrada PO-234 vemos un cartel indicativo grande que nos indica a ruta e un sinal que nos indica o foxo do lobo, outro dos puntos polos que recibe o nome a ruta. Para ir a ver o foxo do lobo hai que desviarse da ruta 1 km en total ida e volta.

Panorámica desde A Fraga
A verdade é que é decepcionante porque agás o cartel que indica que estás no foxo do lobo realmente non hai nada que diga que alí había un foxo, nin foxo, nin ningún cartel explicativo. Hai antes do cartel un par de muros a ambos lados do camiño que se lle botas imaxinación podes pensar que era por onde atraían os lobos pero a verdade é que case non merece a pena facer ese kilómetro agás para ver o cárcere de A Lama que está xusto enfrente. Afortunadamente xa non se cazan lobos pero os foxos dos lobos eran un sistema de caza que xa aparece documentado na época medieval en todo o Norte peninsular. Por medio de batidas, empuxábanse ás bestas cara á estructura que formaban dous longos muros converxentes e que remataban nun pozo (o foxo) no que os animais caían. Os foxos dos lobos construianse aproveitando a orografía do terreo e a vexetación de xeito que os animais non percibisen se pechaban cortándolles o paso. Unha vez capturado o animal matábase no momento ou, segundo as zonas, mostrábase nas aldeas dos arredores para despois matalo (todo moi civilizado...).

O miradoiro da serra Castrelada
Voltamos ata a senda, á estrada PO-234 e camiñamos por ela poucos metros porque a ruta nos mete pola esquerda por pista de monte. Imos dirección á aldea de Laxoso de Arriba tendo a nosa dereita como acompañante a serra Castrelada. Antes de comenzar a baixada a Laxoso de Arriba facemos un pequeno descanso para o avituallamento. A baixada a laxoso de Arriba faise por camiño empedrado que ten pegadas de rodeiras de carros.

Rodeira de carros
Laxoso de Arriba pásase rápidamente porque son poucas casas e chegamos a un cruce que nos indica os cruceiros de Roriz. Son dous un está xa no cruce e o outro hai que desviarse uns 300 metros para velo por unha corredoira estreita e algo enchoupada. É unha mágoa que non haxa ningún tipo de explicación da data dos dous cruceiros nin de porque esta´n nese camiño tan afastado, que seguramente noutra época foi mais transcurrido. O cruceiro mais afastado está rodeado de maleza o que indica que tampouco hai moita preocupación pola súa promoción.

Laxoso de Arriba
Seguimos o camiño dirección a Laxoso de Abaixo e a uns 800 metros dos cruceiros de Roriz nos atopamos cun cartel que nos indica a capela de san Xoan de Laxoso. Neste caso só hai que desviarse uns poucos metros. Capela promovida no ano 1856 polo Párroco Antonio Martinez Peso, de planta basilical e cuberta de bóveda de cañón. A destacar o seu atrio cunha extensa bancada de pedra e o cruceiro que se atopa pegadísimo enfronte da porta (como saias un pouco despistado da igrexa cho comes...).

Cruceiro de Roriz
Regresamos á senda e a 200 metros nos atopamos un cruce cun cartel indicativo do cruceiro Pé das Herbas. Neste cruce hai unha base de pedra na que seguramente houbo outro cruceiro. Nos desviamos uns 200 metos para ver o cruceiro, por un camiño bastante abandoado. E si os cruceiros de Roriz estaban afastados, este tamén o está. E como nos cruceiros de Roriz ningunha información acerca da súa historia.

Capela de San Xoán de Laxoso
Seguimos o camiño e a  case 1 km do cruceiro do Pé das herbas chegamos a Laxoso de Abaixo. Comentar que aquí hai un par de corredoiras estreitas que están totalmente enchoupadas pola auga dalgunha fonte ou dalgún rego, e digo enchoupadas de deixar a bota metida na auga e na lama, polo que ide ben pegados ao muro ou subidos a el como tivemos que facer nós.

Detalle do cruceiro Pé das Herbas
Entre Laxoso de Abaixo e o seguinte regato que é o regato das Coveliñas hai unha zona de baizada con pedras que esbaran moito, tede coidado como xa vos comentei ao principio. Aproximadamente a 1 km e medio se atopa o rego das Coveliñas ou Cubeliñas cos seus pasos, un rego que se atopa a poucos metros do cruce onde se facía circular a senda.

Regato e pasos de Coveliñas
Chegamos ao cruce e seguimos dirección aos pasos de Portasouto e da Fraga que temos que volver a pasar e iniciamos o camiño de volta á Igrexa de Caritel, neste caso en subida e cun par de rampas exixentes.

Pedra con forma de seta
En resume bonita ruta, sobre todo a primeira parte ata os saltos de auga pero deficitaria de información. Podedes ollar todas as fotos da senda neste enlace.

¿Amanita Muscaria?






Ningún comentario:

Publicar un comentario