sábado, 26 de novembro de 2022

Petróglifo Pedra da Moura - Alto da Bandeira - Mauxo - Outeiro da Raposeira



A ruta que, nun principio tiña pensado facer, era o sendeiro local de Coruxo pero nesta data o sendeiro ten algúns tramos sen sinalizar non sei se porque os fentos, os toxos e as xestas creceron tanto que non deixan ver algúns sinais ou simplemente desapareceron, polo que o sendeiro necesita un mantemento.


Así que aproveitei para facer este percorrido no que as veces usamos tramos do sendeiro local de Coruxo (indicado con pintura branca e verde) e do sendeiro local de Oia (indicado con pintura branca e azul)e outros tramos sen sinalizar polo que fará falta GPS. É unha ruta na que visitamos 3 miradoiros naturais en altura como son o Alto da Bandeira, o alto do Maúxo e o outeiro da Raposeira, cunhas vistas espectaculares desde os tres, e tamén visitamos un dos petróglifos mais importantes de Vigo como é o da Pedra Moura.

Comenzamos a ruta no torreiro de festas de Fragoselo (Coruxo) a carón da ermida de San Sebastián e imos seguir as sinalizacións do sendeiro local de Coruxo. E comenzamos dirixíndonos a un dos petróglifos mais importantes de Vigo, o petróglifo da Pedra Moura. Deste petróglifo xa se tiña coñecemento a finais do século XIX. É unha rocha duns 10, 5 metros de longo por 4,70 m de ancho, e iso que foi cortada para cantería co que poido chegar a ter uns 14-15 metros de longo. na súa superficie podemos ollar círculos, liñas serpenteantes, coviñas, cazoletas e 10 pares de zoomorfos. É o petróglifo coa maior concentración de figuras de Vigo.

Petróglifo da Pedra Moura
E como o seu nome indica, está relacionada con lendas de mouras. Unha moza loira e fermosa se peitea e di que está presa dun encantamento. O mozo que a desencante poderá quedarse cos tesouros que se agochan debaixo da pedra. Para desencantala a moza sae da pedra en forma de serpe cun caravel no bico e sube polas pernas do mozo e este non debe nomear a Deus. Seica ata o de agora ninguén conseguiu desencantar á moura. Podedes saber mais das lendas de Coruxo lendo este traballo de María Alonso Alonso.

Eu non atopei moura ningunha, o que si atopei é o lugar bastante descoidado. En primeiro lugar non hai ningún cartel indicativo do petroglifo, o mais cercano é o da foto darriba e está a 300 metros do petroglifo. A pé do petróglifo non hai ningún cartel. Está rodeado dun muro para protexelo e tamén dunha valla pero non sei se está tirada ou que está tapada pola maleza. De todos modos, na miña opinión non é o mellor xeito de protexelo, debería haber unha pasarela ao redor para poder contemplalo ben, xa que o muro obriga a velo só desde unha posición ou a subir á rocha directamente para poder ver os gravados, cousa que NON se debe facer. Este é un claro exemplo de abandono, se como din as guías é o petroglifo mais importante de Vigo debería estar mellor conservado. 

Muiño navicular do Carballoso
Volvemos para atrás seguindo o percorrido do sendeiro local de Coruxo en dirección ao parque forestal de San Miguel de Oia. Pasamos polo torreiro de festas de Fragoselo e a capela de san Sebastián. Desde aquí ata case chegar ao Parque Forestal de Saiáns vai ser un percorrido chan. Son uns 4 kms e medio ata o Parque forestal de San Miguel de Oia que transcorren por unha pista forestal. Pasaremos por un recinto de vacalouras e polo petroglifo do Carballoso que se atopa no alto dunhas rochas, consiste nuns círculos concéntricos con coviña e un muiño navicular de soporte fixo. Un pouco mais adiante do petroglifo do Carballoso, o sendeiro local se desvía cara á esquerda, nos imos seguir de frente pola pista ata chegar ao Parque forestal de San Miguel de Oia. 

Ao final da pista que nos leva polo parque forestal de San Miguel de Oia hai un columpio con vistas á ría. Está a man dereita e uns metros mais adiante, a man esquerda, hai unha pista que sube e que imos coller. Se seguíramos de frente chegariamos ata o parque forestal de Saians que está a poucos metros do parque forestal de San Miguel de Oia. Nesta pista que collemos á esquerda coinciden o sendeiro local de Oia con liñas branca e azul e sendeiro de gran percorrido GR52.1 con liñas branca e vermella. A partires de aquí comenza a parte mais exixente da nosa andaina porque ata chegar ao Maúxo vai ser todo costa arriba. 

Círculos concéntricos en Chan Grande
Mais ou menos a 1 km o sendeiro GR 52.1 e o sendeiro local de Oia se separan, imos seguir polo sendeiro local de Oia seguindo as marcas azuis e brancas. E a partires de ahí a uns 400 metros, a man esquerda, atopamos o petroglifo de Chan Grande con sucos, coviñas e círculos concéntricos, están bastantes desgastados pero según a luz do día ainda se poden observar algún suco e dous círculos concéntricos. 

De ahí xiramos á esquerda por unha pista forestal, a poucos metros a man esquerda imos ver uns postes sinalando a pedra dos límites que non collemos, seguimos recto ata chegar a antena de estación marítima que queda a nosa dereita. Ahí o camiño se divide en tres, á dereita imos a estación remota de salvamento marítimo e non imos por ahí, podemos seguir de frente pero tampouco imos por ahí, imos coller a man esquerda unha pista forestal que aparece marcada cunha cruz coas liñas azul e branca nunha rocha no chan. Por esa pista a uns 100 metros a man dereita está xa o Alto da bandeira, un dos 3 miradoiros naturais que imos atopar nesta andaina.

O alto da Bandeira ou Cabezo de Saians duns 350 metros de altura é o primeiro miradoiro natural que imos visitar nesta andaina. Desde alí teremos unhas vistas espectaculares das Cíes e do Val Miñor (Monteferro, Praia Lourido, Baiona...). Hai non moito tempo cando non había tanta tecnoloxía e a economía se basaba, principalmente, na agricultura e na gandería, os campos preto das casas se deixaban para cultivar mentres que os animais se sacaban a pastar ao monte. Para dar a coñecer que o gando xa estaba pastando se chantaba unha bandeira no alto do monte para que se poidera ver desde as casas, de ahí o nome do alto da Bandeira.


Seguimos pola pista forestal que nos levou ata o alto da bandeira e auns 500 metros imos atopar o petroglifo da fonte do sapo e a pedra dos límites, punto de encontro entre veciños de Saians, Oia, Coruxo e Priegue. 
Pedra dos límites

Seguimos andando e un pouco mais adiante da pedra dos límites, fixádeos ben porque á man esquerda hai un souto  e dentro dese souto se atopa a Fonte do sapo. A entrada faise a través dun "pasadizo" que hai entre os castiñeiros e que non está sinalizado polo que volo podedes pasar.

Fonte do sapo

Uns metros mais adiante nos atopamos coa Chan das Lagoas ou chan de Arriba que se atopa entre os altos de Castro Chouzo (ou Mauxo grande para os de Chandebrito) e o Mauxo (ou Mauxo pequeno para os de Chandebrito). Neste lugar se atopa a mámoa de Chan Grande que debido á mala conservación do lugar non se ve. Antes dos incendios do 2017 había un camiño que cortaba a Chan pero hoxe non se atopa porque está cuberto de maleza. Nese camiño había un cartel explicativo da mámoa que debeu arder co incendio e non se repuso. Tamén na Chan das Lagoas se atoparon no 2004 materiais do paleolítico.

Antigo cartel da mámoa de Chan grande

E xa chegamos ao punto mais alto da andaina: o Mauxo. Desde uns 390 metros teremos unha vista privilexiada de Chandebrito, o Galiñeiro, o Alba e o Cepudo, O galleiro, Vigo, o Morrazo, a ría de Pontevedra e Arousa, as Cíes, Ons e Sálvora. 


A partires de aquí xa é todo costa abaixo, baixaremos por pistas forestais. A un km do Mauxo pasaremos polo parque forestal de Coruxo, con mesas e un pequeno miradoiro.

Parque forestal de Coruxo

Seguimos baixando por pistas forestais e a pouco mais dun km do parque forestal chegamos ata o último alto da andaina: o outeiro da raposeira. A uns 200 metros de altura temos unha vista de Vigo e da ría, de Coruxo, da Xunqueira do Lagares, das Cíes...



E de ahí volvemos á pista que nos levaba ata o parque forestal de San Miguel de Oia cara ao comenzo da ruta. Para descargar a ruta e ver os datos técnicos, podedes descargala neste enlace de wikiloc.
.




luns, 12 de setembro de 2022

A ver si desta vai

 Buff tiña bastante abandoado este blogue por falta de tempo e de gañas. Durante todo este tempo non parei de facer andainas, e volveume a dar o punto de retomar o blogue, a ver se desta cun pouco mais de continuidade.