venres, 9 de xaneiro de 2015

Do castro de Estea ao castro de Chandebrito


Datos técnicos

Lonxitude: 12.09 kms
Tipo: Lonxitudinal
Sinalizado e non sinalizado. Coincide con tramos dun sendeiro local ainda non homologado, do PRG-9 e do GR-53.1
Altitude máx: 527 ms
Tempo: 4 h 25 min.
Saida desde a estrada Vigo-Baiona (en Saians-Vigo) e chegada no Castro de Chandebrito (Nigrán)
M.I.D.E.: 8 (1 severidade, 2 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


A ruta da que vos falamos hoxe nos leva desde un antigo asentamento castrexo ata outro: desde o castro do alto da Medoña ata o Castro de Chandebrito. A ruta nos levará a percorrer vestixios do neolítico (muiños naviculares), a idade dos metais (petroglifos), a cultura castrexa (castros) e a Idade Moderna (muiños de auga, minas de auga). Ademais disfrutamos das excelentes vistas dos 3 altos que visitamos na ruta que son: o alto da Medoña, o alto de San Amedio e o alto do Castro de Chandebrito.

Inicio da ruta
Na ruta imos coincidir con sinais de sendeiros local (franxas azul celeste e branca), de pequeno percorrido (PRG-9 franxas amerala e branca) e de gran percorrido (franxas vermella e branca). Hai que dicir que non sempre se seguen esas marcas, hai tramos do camiño non sinalizados ou que imos en contra do que aparece sinalizado polo que vai facer falta un sistema de GPS para seguir a ruta. Tamén cabe sinalar que a maioría do camiño faise por pistas forestais anchas. E como sempre apuntar que a nós a ruta levounos  4 horas e pico pero se pode facer perfectamente cunha hora menos porque, como sempre comento, nós somos un grupo que nos paramos moito: a facer fotos, facemos unha parada para picar algo e beber que non baixa dos 15 minutos, non imos a paso rápido... ou sexa que se es dos que estás acostumado a patear a un ritmo normal en 3 horas e pouco podes facer esta ruta.

Mencer desde o Castro do alto da Medoña
A ruta é lonxitudinal así que hai que deixar os coches no punto de inicio e de chegada. O inicio da ruta atópase na estrada de Vigo a baiona, tamén chamada estrada de Camposancos. O inicio da ruta atópase no km 6, pasando unha curva á dereita. Noutro carril podemos ver un cartel indicando a ruta que vai ao alto da Medoña. Se saides desde Vigo dicirvos que hai dúas gasoliñeiras nesa estrada, a primeira é unha Campsa que está xusto ao comenzo da estrada ao lado da fábrica de Citroen e aoutra na metade do camiño, no lugar de Priegue(Nigrán), pois uns 800 metros antes de chegar a esa gasoliñeira está a entrada da ruta, así que se chegades a esa gasoliñeira é que vos tedes pasado. Para chegar ao Castro de Chandebrito, nos situamos na mesma estrada de Vigo a Baiona, a uns 4 kms nos atopamos cunha rotonda que si collemos á dereita nos leva á praia do Vao, seguimos de frente dirección Baiona e a uns 400 metros desa rotonda hai un semáforo. A man dereita podemos ver a igrexa de Coruxo, collemos o cruce a man esquerda imos ver un cartel que pon Fragoselo e Colexio Estudio, seguimos esa estrada sen coller ningún desvío uns 4 kms ata chegar a Chandebrito. Alí o monte do Castro é visible e recoñecicle (ten como un pararaios no seu cumio), senón preguntade a alguén porque é moi sinxelo chegar, ao lado do Castro hai moito sitio para aparcar.

Entrada á mina de auga
Volvemos ao punto de inicio. Lembrade pasando o km 6, a man dereita hai un pequeno sitio para aparcar 3 coches ao carón do contenedor xusto enfrente do inicio da ruta e senón no outro carril tamén se pode deixar nun anaco de estrada abandonada que está xusto ao carón da entrada da ruta. Subimos unha pequena costa e nos atopamos con dous postes do sendeiro local pintados de cor azul celeste e branca, un á esquerda e outro á dereita. Collemos á dereita que nos leva ata o castro da Medoña. A poucos metros nos atopamos co foxo oeste do castro polo que vai o camiño que nos vai levar ata unha mina de auga. Xa desde o tempo dos castros se construiron sistemas de obtención e almacenaxe de auga, como poden ser as minas de auga. Ainda que non se pode asegurar con certeza desde cando existen estas minas de auga en Galicia é fácil supor a súa orixe romana, no caso da mina do alto da medoña é mais recente, posiblemente de finais do século XIX ou xa do XX.

A cara sur do Castro
Seguimos dando volta ao redor do castro e chegamos á cara sur onde se observa mellor a pendente natural do castro. Atopamos un sinal que nos indica subir ao alto do castro ou se collemos de frente para abaixo ir aos muiños. Subimos a ver o castro. No alto atópase un panel cunha foto panorámica coa toponimia que estamos vendo e unha serie de naufraxios. Hai que comentar que non esperedes atopar un castro como o de Sta. Tecla ou o de Baroña. Tanto este como o de Chandebrito non foro excavados polo que non ides atopar ningunha vivenda nin están reconstruidos. Este castro coñécese como o castro do alto da Medoña ou castro de Estea polo regueiro próximo ao castro que se chama así. Medoña é sinónimo de Madorra e de Mámoa polo que polo seu topónimo podemos deducir que ou ben hai tempo existiu alí unha mámoa ou lle puxeron ese nome porque a montaña ten forma de mámoa. Os castros compóñense de zonas feitas para vivir neles e defenderse como: croa, terrazas, parapetos, fosos, terrapléns e murallas. No caso do alto da Medoña se descoñece si existía muralla porque non se fixo ninguna excavación arqueolóxica. Ten un foxo de 12 metros de profundidade e preto de 20 metros de altura. Preto da zona se atoparon 7 pezas de bronce das coñecidas como machados de talón con argolas.

Panorámica desde o castro do Alto da Medoña
Baixamos do castro e imos cara aos muiños seguindo o cartel que nos indica aos muiños. Imos ver, sen embargo, un sinal nunha árbore cunha aspa de camiño incorrecto do sendeiro local, non facemos caso e collemos ese camiño costa abaixo e aos 30 metros xa nos atopamos cos muiños que están totalmente abandonados. Estes 3 muiños de auga son os muiños de Estea: chamados Muiño Grande da presa de riba, muiño do Cambés e o muiño da Delfina. Os muiños podían ser de propiedade privada individual e cobraban unha porcentaxe, chamada maquía, sobre a cantidade moida para os clientes ou de varios propietarios que distribuian o tempo de moer segundo as partes de propiedade no muiño. Pegado ao muiño de arriba a man dereita atopamos unha presa que se fixo para recoller a auga para os 3 muiños.

Presa Darriba ou de Estea
Por detrás do muiño de arriba tamén se atopan 3 muiños naviculares fixos. O neolítico chegou a Galicia hai 6500 anos é un periodo da prehistoria na que aparece a cerámica, os útiles de pedra pulida, intensifícase a relixiosidade e invéntanse os muiños como ferramenta para converter o gran dos cereais en fariña. Podían ser fixos coma estes ou móviles de pedra. Non se sabe con certeza se eran para moer cereais, minerais ou plantas psicotrópicas. Así que en poucos metros atopamos vestixios do neolítico, a idade de Ferro e a idade moderna. Este é bo sito para animar, se tedes colegas vagonetas, a que veñan visitalo porque queda pegado á estrada e en 15 minutos podedes ver tanto o castro como os muiños con esforzo cero, ademais agora o chan está almohadillado coas follas de carballos e outras caducifolias. En outono é espectacular co cambio de cor da folla.

Muiños naviculares de soporte fixo
Seguimos o camiño pola presa neste caso si seguimos as marcas do sendeiro local e empezamos a subir por pista forestal ata o parque forestal de Saians. O parque forestal de Saians pertencente a Vigo con mais de 23.000 metros cadrados foi un dos primeiros que se fixo en Vigo.Conta con fonte e mesas e ten cerca a área arqueolóxica de Estea o que fai que sexa un bo lugar para o esparcemento. Conta ademais con varios paneis grandes explicativos das diferentes sendas tanto da nova senda local que se fixo no 2014 como os GR e PRG que hai pola zona.

Parque forestal de Saians
Seguimos o noso camiño. Se miramos de frente o parque imos coller unha pista forestal a man dereita pegada ao parque. Esa pista a seguimos de frente sempre sen coller ningún cruce ata que vai chegar unha estrada na que podemos coller a man dereita ou a man esquerda. A man dereita imos ver un poste de PRG pero non imos ir por ahi porque nos leva ata Priegue. Así que collemos a man esquerda, imos ver a poucos metros unha caseta de abastecemento de augas. Ahí acaba a estrada (que por certo está como corcho levantado) e comenza a pista en subida que nos vai levar ata o alto de San Amedio. Ao principio hai unha costa con algo de pendente e xa podemos ollar unhas vistas impresionantes da costa preludio das vistas que nos imos atopar en San Amedio. Ao chegar arriba desa costa atopamos un cruce con outra pista que collemos á dereita. está sinalizado o camño con marcas amarelas e brancas correspondentes ao PRG-9. A partires de ahí o camiño é mais suave e sempre hai que ir de frente non se colle ningún cruce.

Panorámica desde o alto de San Amedio. Vistas do nordeste.
Chega un momento en que a pista segue de frente e a ruta nos leva á dereita por un camiño que case está tapado polas follas da vexetación ainda que se pasa ben. Seguimos a ruta marcada con amarelo e branco e chegamos ata o alto de San Amedio desviándonos de novo a dereita. Subimos 10 metros e xa vemos a caseta forestal e as impresionantes vistas de Chandebrito e o Val Miñor. O alto de San Amedio ou Sanomedio debe o seu nome a un haxiónimo (topónimo relacionado cun santo) neste caso Amedio, tamén coñecido como Mamed, Mamede, Mamés, Saamed, Amed. Según se conta, este santo mártir era un ermitaño que vivía afastado no monte e amansaba ás fieras léndolles o Evanxelio, e tamén se alimentaba delas (de ahí o nome de Mamed). Sábese que no alto de San Amedio existía unha capela en honra a este santo seguramente rexida por monxes ermitaños.

Panorámica desde o Alto de San Amedio. Vistas do sudeste
Unha das tradicións orais da zona conta que entre os viciños de Chandebrito e os de Camos había unha gran disputa por San Amedio. Quedaron en botar unha carreira saindo ao alba cada un da súa vila ata un punto intermedio que neste caso era o Outeiro do Ghañador. O primeiro en chegar quedaría coa figura de San Amedio. A partires de ahí o final do conto cambia según quen o conte, uns din que os de Chandebrito sairon antes do alba, outros que chegou primeiro un de Camos pero a cousa acabou en paos e gañaron os de Chandebrito. Fose coma fose a realidade é que a figura de San Amedio hoxe en día se atopa na Igrexa de San Xosé de Chandebrito.


Outra panorámica desde Sanomedio
O alto de San Amedio é xunto ao alto de Peneites dous dos picos que forman a cordilleira do Maúxo mais cercanos a Chandebrito. O Maúxo tamén é coñecido como Montes de Coruxo. Tanto en san Amedio como noutros picos hai covas e abrigueiros naturais que na época da Guerra Civil serviron de refuxio para os escapados.

O camiño transcurre case sempre por amplias pistas
Baixamos de san Amedio e volvemos á pista marcada con sinais amarela e branca. A ruta segue á dereita pero é un cortafogos costa abaixo con unha gran pendente e con bastantes posibilidades de que alguén acabe rodando polo que decidimos non correr o risco así que collemos á esquerda e imos por un camiño que aparece coa cruz branca e amarela de camiño equivocado que vai bordear un outeiro. ese camiño nos leva a unha pista forestal que acaba nun cruce. Nese cruce que aparece sinalizado como GR-53.1 imos coller á dereita, se colléramos á esquerda imos ver aos poucos metros unha planicie onde hai plantados carballos, castiñeiros e madroños chamada Chan da Lagoa. pero nós collemos á dereita e imos descendendo pola pista que nos vai levar ata Chandebrito. Baixamos e esa pista chega a otro gran cruce e collemos á dereita, logo ven outro cruce onde hai sinais do PRG-9 e collemos á esquerda e aos poucos metros chegamos a outra planicie, neste caso xa en terras de Chandebrito que é a Chan do Rapadouro.

O alto de San Amedio desde a Chan do Rapadouro
Agora non destacan tanto, pero en setembro esta zona está plagada de castiñeiros. A man dereita nos atopamos co pètroglifo do Rapadouro. Este é o exemplo perfecto para comprobar o pouco que se respetan o noso patrimonio, hai uns meses alguén se adicou a raiar os petroglifos e mesmo na pedra se poden observar marcas dun martillo pilón de cando quixeron utilizar a pedra onde se atopan os petroglifos para outros menesteres. Os petroglifos que se poden observar son coviñas e círculos. Había outra pedra con petroglifos pero desapareceu.

Petroglifo de Chan do rapadouro (coas marcas de cando quixeron extraer a pedra)
Seguimos pola Chan do Rapadouro e despois do petroglifo nos atopamos co Colexio Estudio. Viramos á esquerda por unha pequena estrada e vemos o cartel indicativo dos petroglifos do Preguntadouro no que se poden observar coviñas, cazoletas, muiños naviculares e un cruciforme.

Cazoletas nas Chouciñas 
Voltamos á estrada e un pouco mais adiante nos atopamos cun sinal que nos indica os petroglifos das Chouciñas. No camiño que nos leva a estes petroglifos cmado o da Canincosta podemos observar marcas dos carros que antigamente pasaban por ese camiño e que deixaron a súa pegada na pedra do camiño. Estes petroglifos non se miran tan ben como os anteriores, están mais desgastados e só se obervan unhas cazoletas. tanto os do Rapadouro, Preguntadouro e os das Chouciñas non se atopan moi ben conservados, non se coida a maleza e os paneis están bastante deteriorados.

Muiño de enmedio de Rodas
Seguimos o camiño da Canincosta uns metros e imos coller un sendeiro estreito a man dereita que nos vai levar ata un regato que cruzamos e nos leva ata unha pista forestal ancha. seguimos esa pista forestal á esquerda e pouco despois de pasar unha pedra furada chegamos a un cruce de 3 camiños e imos coller o da dereita sinalado con marcas amarelas e brancas. Seguimos ese camiño e nos vai levar ata a Fraga de Rodas, onde se atpan os muiños de Rodas. A fraga de Rodas é unha pequena mostra de bosque húmido atlántico
con fentos e musgos que recubren todas as pedras.

O muiño de abaixo
Neste ecosistema tamén atopamos 3 muiños de auga abandonados que son os muiños de Rodas, chamados: o muiño darriba, o do medio e o dabaixo (non se complicaron cos nomes). En Chandebrito hai un total de 11 muiños de auga. Nesta época os muiños e as pedras do chan se atopan cubertos de musgo co que asemella que estamos en medio dunha xungla. Deixamos a fraga volvemos ao camiño e seguimos as marcas amarelas e brancas que nos levan ata a estrada que vai desde Fragoselo ata Chandebrito. Subimos uns 300 metros pola estrada e chegamos ao barrio das Pereiras. A man esquerda imos chegar ata a fonte das Pereiras, pois xusto antes hai un caminiño estreito que sube dirección ao Castro de Chandebrito e imos collelo. ese camiño nos leva ata a cara suroeste do castro. Atopámonos co lavadoiro das Pereiras e unha escalinata de madeira que nos vai levar a subir o monte por esa cara. Tamén vemos 2 dos cinco muiños de auga que se atopan nas inmediacións do castro.

Escaleiras para subir ao Castro de Chandebrito
Os 5 muiños son os muiños do Regheiro: catro se atopan na ladeira do castro e son o muiño dabaixo, o do medio, o do outeiro e o da presa. O quinto chámase o muiño da chan ou dos cruceiros e se atopa nunha planicie na cara este do castro. Estes 5 muiños chámanse do regheiro porque non teñen precisamente un regueiro ao lado senón que a auga lles vén dunha longa levada procedente da Presa da lapela que está auns cantos metros por detrás do muiño da Chan. Os muiños son de comenzos do século XX e están ben conservados. O muiño da chan ou dos cruceiros se chama así porque enfrente había 5 cruces, agora só queda unha, e antigamente había unha tradición xa perdida na que ían en procesión desde a igrexa ata os cruceiros para pedirlle a San Xosé que acabara coa sequía.

Panorámica desde o Castro de Chandebrito. Vistas do suroeste
Subimos polas escaleiras e chegamos ata o alto do Castro de Chandebrito, punto final da nosa andaina. No castro se poden observar as diferentes partes do castro como son os terrapléns, as terrazas e una anaco da antiga muralla que foi reformada. Este castro tamén sufriu bastantes danos ao facer a pista que sube, que foi utilizadas por motos, ademais de producirse saqueos de restos arqueolóxicos. Entre estes restos se atoparon restos de cerámica celta-romana. No alto tamén se poden observar unhas cazoletas e, sobre todo, unhas magníficas vistas en 360 graos. Ao norte os monte Alba e o Cepudo, ao este os Curutos e o Galiñeiro, ao sur o Monte Castelo e o Mauxo e ao oeste a ría de Vigo, Vigo, e o Morrazo.

Unha ruta para gastar carrete
E isto foi todo, unha ruta recomendadísima. espero que vos axude esta crónica. Podedes ollar todas as fotos da andaina neste enlace.



2 comentarios:

  1. Non che falta detalle.Moi bien documentada e con indicacións dabondo para poder completala.Grazas por compartila.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas Pili. esta pérdechea, andabas en terras portuguesas...

      Eliminar