luns, 23 de novembro de 2015

Ruta polo río Orxas (Aldán)


Datos técnicos

Lonxitude: 4.57 kms
Tipo: Circular
Non sinalizado, non homologado.
Altitude máx: 68 ms
Tempo: 3 horas 30 minutos (2 hora 27 minutos en movimento)
Saida e chegada desde o aparcadoiro do porto de Aldán
M.I.D.E.: 6 (1 severidade, 3 orientación, 2 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


A ruta da que vos falamos hoxe é unha ruta que se atopa na parroquia de Aldán. Unha ruta fácil de facer pois non hai costa ningunha. Podedes facela con nenos ata o último muiño ida e volta porque é moi doada de facer, nós a fixemos circular para alongala un pouco mais. Para que vos fagades unha idea desde a ponte medieval que está pegada á estrada PO-315 ata o castelo da foto hai 500 metros e ata o último muiño 1,2 kms polo que se facedes a ruta polo mesmo camiño son uns 2,4 kms engadindo uns 600 metros mais se ides ata a igrexa de San Cibrán, ou sexa uns 3 kms mais ou menos ida e volta polo mesmo camiño. Nós para non facela polo mesmo camiño a fixemos circular para volver por outro lado pero o tramo engadido non ten nada reseñable, o mais interesante da ruta está neses 3 kms (a finca do Frendoal e os muiños do Orxas) polo que non merece a pena facela circular agás que que coma nós queirades camiñar un pouco mais ainda que a ruta non sexa tan interesante. A ruta non está sinalizada polo que é necesario un sistema GPS.


O río Orxas 
Para esta ruta nos diriximos ao Morrazo polo Corredor ata o final. Ao longo desta vía hai varias saídas (Domaio, Meira, Marín, Cangas, Bueu..). Non collades ningunha seguide sempre recto pola vía rápida ata que cheguedes a unha rotonda cunha escultura dunha ánfora xigante. Collemos a man esquerda dirección a Cangas pola estrada PO-315. Unha vez en Aldán deixamos o coche aparcado no porto xusto enfronte do centro de saúde. 


Foto de grupo no comenzo da ruta

Comenzamos a ruta enfronte do centro de saude onde desemboca o río Orxas. O río Orxas nace na serra da Madalena na zona do curuto do Leboreiro e desemboca na ría de Aldán entre as praias de O Picos e de San Cibrán, lugar de saída da nosa ruta.



Ría de Aldán
Andamos uns metros cara á desembocadura polo paseo marítimo e cruzamos a estrada por un paso de cebra para subir ata a Igrexa de San Cibrán. A Igrexa parroquial de San Cibrán de Aldán é un edificio construído en estilo ecléctico-historicista. Ainda que o primitivo templo se remonta, como mínimo, ao século XVI, o actual foi edificado de xoven planta en 1866. Tanto a nave como a capela son de estilo neogótico. A fachada, pola contra, remeda o estilo neoclásico. A fachada conta cun nicho que alberga a imaxe de San Ciprán e unha altiva torre de dous pisos con balcóns.
 
Imaxe de San Ciprán na igrexa do mesmo nome
No adro parroquial podemos admirar un fermoso mausoleo decimonónico (se ollamos a fachada da igrexa de fronte está situado a man esquerda), ademais do arranque da impresionante muralla que delimita os antigos dominios dos condes de Aldán. O mausoleo foi construído en 1879, segundo consta na inscrición. Obra tamén atribuída a Antonio Cerviño. Garda unha gran semellanza co mausoleo do cemiterio de Cangas, aínda que o de Aldán é de características máis sinxelas. Con esta obra, serían catro as realizacións atribuídas a Cerviño no Morrazo. É dicir, os dous mausoleos, a fonte da Colexiata de Cangas e o Cruceiro de Hío.

Mausoleo, obra de Cerviño
Baixamos pola estrada da igrexa dirección á estrada PO-315 e pegado á Igrexa de San Cibrán se atopa o Pazo Torre de Aldán. Palacete-castelo situado nun enclave estratéxico de paso e comunicación costeira entre Bueu e Cangas e que actualmente pouco ten que ver coa antiga fortaleza que representaba a notable linaxe dos Aldao (De ahí pode vir a toponimia de Aldán). Os Aldao pertencen a un dos linaxes máis importante do Morrazo, vinculados lexendariamente cos reis suevos, e que foron cabaleiros e ricos homes chegando a desenvolver cargos e dignidades nas Cortes de Castela e León. A existencia de sarcófagos suevos no outeiro adxacente, presume o seu posible uso militar con anterioridade, nos séculos V e VI. O Pazo atópase integrado no núcleo urbano de Aldán e posúe cara á súa parte posterior un terreo de mediana extensión dedicada ao cultivo. A Casa Torre de Aldán pertencente aos Condes de Canalexas, grandes terratenentes da Comarca, contaba cunha das extensións máis amplas e fermosas da Península do Morrazo.

Igrexa de San Cibrán, pombal e Pazo Torre de Aldán
Xusto enfronte do Pazo imos ver un pequeno outeiro cun pombal, imos subir ata el porque alí podemos ollar un sartego medieval que pasa desapercibido porque non está sinalizado. para ir ata el hai que subir por un pequeno muro e subir ata o outeiro. Situado no alto dun penedo de grandes dimensións, xunto ao Pazo de Aldán, aparece labrado na pedra este sartego, chamado Sarteho da Laxe. Sen embargo, para os veciños de San Cibrán esta é a "cama do Demo" (ou a "cama do xudeu"), quen ía todolos sábados á procura dunha rapaza da parroquia de San Cibrán para lecer con ela no sartego e, así, ter un fillo cada semana. A cavidade mide 180cm de longo por 52 de largura, está orientado en sentido ENE-WSW, coa parte máis estreita (os pés) cara o abrente, e a máis cumprida (a cabeza) cara o solpor. Pola tipoloxía, dedúcese unha cronoloxía altomedieval, probablemente de época sueva-xermánica. Descoñécese a súa función exacta: podería ser unha tumba ou ben un nicho para uso penitencial. No penedo hai marcas claras de ter servido de asento ou alicerce a unha construcció que poderían indicar que neste lugar se erguía unha antiga capela, ou ben segundo algunhas opinións, probaría que foi este o soar da primeira torre do pazo de Aldán, antes da construcción da actual, Ata os anos 1960 o sartego conservaba a súa tapa, ata que unha veciña do lugar a roubou para facer un banco no seu xardín. Sábese dun segundo sartego medieval, dividido pola metade. O curioso nesta ocasión é que o sartego está desubicado e reconvertido en dous bancos, situados preto do pequeno castelo inacabado e construído nos anos 1960 para o lecer dos condes, xunto co campo de críquet. De mesma tipoloxía que o anterior, o sartego está totlamente abandoado, chegando incluso a ser utilizado como soporte para facer ás brásas dos asados.
Sartego suevo ou altomedieval

Seguimos baixando e chegamos ata a estrada PO-513 que cruzamos. Diante vemos o primeiro muiño da ruta que é o chamado muiño da fonte de San Cibrán. Ao lado atópanse a ponte medieval e un antigo lavadoiro. Subimos uns metros pola estrada que se atopa á dereita de ambos e a man esquerda vemos un camiño que nos vai levar ata a finca do Frendoal.

Ponte medieval e lavadoiro
Nada mais comenzar o camiño, atopamos un segundo muiño en ruinas , o chamado muiño da Fonte do Frendoal ou das presas do conde. Imos por un camiño cheo de follas caídas que nos indica que estamos en pleno outono. Cabe destacar a súa vexetación, entre a que podemos atopar magníficos exemplos de robles, castaños, laureis, bidueiras e algunhas especies introducidas polos condes como son as píceas, creando un ambiente doutros tempos, como se nos adentráramos en épocas pasadas.

The matrix
A Finca do Frendoal, finca dos condes ou bosque encantado era unha zona de recreo e descanso do pazo , que se empregaba como bosque para a caza. O Frendoal, nun principio estaba unido á finca do Pazo-Torre de Aldán ata principios do século XX, da que finalmente quedaron separados polo trazado da actual PO - 315. A finca é atravesada polo río Orxas que xunto á variedade de árbores fan desta finca un sitio ideal para relaxarse dando un paseo.


Reflexos das árbores no Orxas ao seu paso pola finca
A uns 200 metros nos atopamos co epicentro da finca na que atopamos un castelo abandonado. A súa construcción iniciouse nos anos sesenta como zona de descanso para os condes, pero quedou sen acabar. Na actualidade conserva a súa estructura orixinaria co foso arredor, pero o seu interior está cheo de pintadas e restos e a ponte levadiza só son dous columnas de pedra (faltan as madeiras e as cadeas para levantala e baixala). Enfronte do castelo había un campo de criquet.
Castelo no bosque encantado

A uns 50 metros do castelo atopamos o acueducto do Frendoal ou Arco da condesa. Trátase dunha antiga canalización de auga que ía desde unha alonxada mina, situada na zona máis elevada de O Frendoal, ata o Pazo. Para salvar o desnivel se construiron dous amplísimos arcos, un dos cales se eliminou coa construcción do actual trazado da PO- 315, sendo o seu percorrido subterráneo. O outro arco ainda se conserva dentro da finca, por debaixo del pasa o sendeiro que percorre o parque. O actual acueducto é medieval, pero se nos remontamos á súa orixe cabería sinalar que se sitúa na época romana. Isto dedúcese da situación das súas cañerías que desembocaban no que se presume eran as antigas pilas da factoría de salazón, que os romanos tiñan nos baixos da actual Torre de Aldán. Dita actividade de salazón requería gran cantidade de auga, que era suministrada por unhas conduccións previas ao actual acueducto. Máis tarde, xa restaurado polo Conde, o auga que corría desde as minas e que pasaba por riba do Arco, era utilizada para regadío dos seus cultivos, ricos en frutais e hortalizas. Este sistema de regadío foi utilizado ata os anos setenta, quedando completamente obsoleto co paso do tempo.

O Arco da Condesa
Seguimos o camiño bordeando o río Orxas e a 300 metros volvemos a atopar un lavadoiro e o tercer muiño chamado de Besada ou de Juan de Xoán. Ao longo do Orxas ata a súa desembocadura hai un total de 11muiños ainda que nesta ruta só vemos 8, a maioría deles en ruinas. O resto de muiños que nos atopamos na ruta levan o nome de: de Xangarello, da Granxa, de Nores, de Lama e da Estivada e os 3 que faltan son: do Pontillón, de Remuiño e de Campo. Desde o muiño de Besada ata o da Estivada son uns 500 metros.


Muiño de Xangarello
No muiño de lama unhas escaleiras nos suben ata a estrada que vai de Herbello á Madalena e ahí nos metemos polos estreitas rúas para dar volta outra vez cara á finca de Frendoal saindo outra vez xusto no Arco da Condesa. Non hai nada destacado deste tramo agás un impresionante eucalipto xa a escasos metros do acueducto.

Pedazo eucalipto e un champiñón  apoiado nel
E de volta á finca voltamos ao punto de partida da ruta no paseo marítimo de Aldán. o dito ao principio ruta moi recomendable para facer con nenos e é unha mágoa que o Concello non invirta no cuidado, recuperación e mantemento da Finca.

O Orxas morre na ría de Aldán e a nosa viaxe tamén
Podedes ollar todas as fotos desta ruta pinchando neste enlace.

Ningún comentario:

Publicar un comentario