sábado, 11 de xullo de 2015

Santa Marta - Outeiro dos Lameiros (Baiona)


Datos técnicos

Lonxitude: 8.21 kms
Tipo: Circular
Non sinalizado, non homologado.
Altitude máx: 198 ms
Tempo: 2 horas 30 minutos (1 hora 31 minutos en movimento)
Saida e chegada desde a capela de Santa Marta, na praia de Santa Marta (Baiona)
M.I.D.E.: 6 (1 severidade, 2 orientación, 2 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


Nesta ruta unimos a senda fluvial do río Baíña coa estación arqueolóxica de Outeiro dos lameiros, xa que ambas por separado son moi curtas e nos van sumerxir pola nosa prehistoria e pola historia da época dos Austrias. A ruta ten o seu comenzo e final na ermida de Santa Marta, pegada á praia do mesmo nome que se atopa en Baiona.
Ermida de Santa Marta


É moi fácil chegar ata alí, a praia atópase na entrada de Baiona se ves desde Vigo, e se atopa enfrente da única gasoliñeira que hai en Baiona. Se vides pola estrada Vigo-Baiona non hai fallo porque ides pasar por alí e xa a vedes, e se vides pola autoestrada tedes que coller a saída que pon Baíña, (é a primeira saída despois de pasar a peaxe) e logo na rotonda da saída da autoestrada coller á esquerda dirección a Baiona e uns 500 metros xa está a praia de Santa Marta e a gasoliñeira.
Praia de Santa Marta

Agás no verán, é doado aparcar, hai sitio de sobra, no verán como está a praia xa non o é tanto. Ao lado da praia ides ver unha pequena colina que é onde se atopa a capela de Santa Marta, punto de inicio da nosa ruta. O tramo entre a senda do río Baíña e a estación arqueolóxica e case toda por asfalto, mentres que a volta é por pistas forestais. A ruta non está sinalizada polo que faise imprescindible un sistema GPS.
Desembocadura do río Baíña

Comenzamos entón coa explicación. Partimos da ermida de Santa Marta, construida a finais do século XIII. Case a finais do século XVI, esta ermida sufriu o paso do pirata inglés Sir Francis Drake. No solpor do día 7 de outubro de 1585, Drake arribou á praia de Santa Marta como así aparece en diversos documentos. Voltamos a vista a Felipe II, daquela reinaba e España era un imperio (o imperio onde nunca se poñía o sol), eramos a primeira potencia mundial. Felipe II casara con María I de Inglaterra. De relixión católica, buscaba con este matrimonio facerse cos territorios ingleses, consolidar definitivamente o catolicismo en Inglaterra e ter un descendente que heredara o seu imperio. Pero María I morre sen ter descendencia e Felipe II deixa de ser Rei de Inglaterra. Accede ao trono de Inglaterra Isabel I que comenza a reinstaurar a relixión anglicana. Felipe II tenta frear este proceso pedíndolle matrimonio pero pasa del. Entón xurde un complot entre a Igrexa e Felipe II para asasinar a Isabel I e sustituila por María Estuardo de Escocia e de relixión católica. O complot non sae ben porque os espías de Isabel I o descubren e a cousa acaba coa morte de María Estuardo. É cando Felipe II decide invadir Inglaterra enviando á Armada invencible. Anos antes Isabel I financiaba expediciones dirixidas por piratas e traficantes de escravos contra navíos españois. E entre esos piratas estaba Francis Drake, que acabou sendo, almirante, sir e o 2º navegante en completar a volta ao mundo despois de Elcano. E así nos poñemos nese solpor do 7 de outubro de 1585 cando o pirata Drake chega ata a praia de santa Marta coa idea de saquear e invadir a fortaleza de Monte Real. Se nos subimos ata as rochas nas que se sustenta o cruceiro que se atopa enfronte da ermida, e desde as que hai unha fermosa vista de Baiona, Monteferro e a entrada da bahía, poderemos votarlle imaxinación e ver como Drake fai a súa aparición con 30 navíos e 1500 homes. Daquela, o gobernador da fortaleza, Pedro Bermudez, fixo soar a campana da Torre do reloj (unha das tres torres que ainda se conservan da antiga fortaleza) para avisar ás xentes que vivían fora da fortaleza do perigo e que se meteran dentro das murallas. Tamén enviou unha mensaxe ao conde de Gondomar, diego sarmiento de acuña, para que viñera na súa defensa. Tamén desde o cruceiro podemos ver a zona de O Burgo, que se atopa detrás da gasoliñeira da que vos falei antes. Agora está chea de vivendas pensadas para o turismo, pero non custa imaxinar que daquela a zona estaría mais pelada e con algunha casiña de tipo baixo. Por alí pasa un antigo camiño romano, a vía XX ou per loca marítima que enlazaba na época dos romanos Braga con Astorga pola costa. Pois ben, según os documentos históricos, Drake e os seus homes, se apostaron esa noite ahí para estudiar como conquistar a fortaleza e cortar a zona de paso. Non lle funcionou ben, pois Diego Sarmiento conseguiu chegar con 300 homes para reforzar os que xa había dentro da fortaleza. Polo que Drake vendo que non ía ser doado asaltar a fortaleza marchou por onde viu, iso sí arrasando e queimando antes a ermida de Santa Marta, o convento de San Estevo nas Illas Cíes e tentando atacar Vigo (pero iso é outra historia que me lío). A ermida foi reconstruida tralo paso de Drake e daquela orixinal do século XIII só queda o arco semicircular da entrada e os canzoliños que son as cabezas das vigas que saen ao exterior e que sirven de soporte da cornisa.
Escultura de Soledad Penalta

Deixamos a ermida e baixamos ata o monumento da artista galega Soledad Penalta que se atopa enfronte da ermida. É un obra en ferro do ano 1999. Dimos unha volta ao monumento e sacamos unhas cantas fotos da paisaxe antes de seguir o noso camiño cara á praia de Santa Marta. Esta praia é un areal de 250 metros de lonxitude onde desemboca o río Baíña que imos seguir nalgúns tramos ata o encoro. Cruzamos a estrada e de fronte imos ver un antigo lavadoiro da época franquista pois ainda se pode observar a simboloxía franquista. Este lavadoiro está a carón do rió Baíña a súa man esquerda e a man dereita comenza a ruta fluvial do río baíña, indicada cun sinal.
Pequena poza no río Baíña

É unha senda pequena de 650 metros de percorrido que se pode facer perfectamente con cativos (se só queredes facer esta parte). Unha ruta de dificultade baixa e agradable de facer porque imos pola marxe dereita do río co que imos atopar flora de ribeira e poderemos observar 2 lavadoiros, e 3 muiños, un deles funciona (o de Agrelo) e outro asemella estar reconvertido nunha vivenda. Esta zona de O Burgo históricamente xa ten tradición de ser unha zona de muiños, e así hai documentos que recollen que na época de Felipe II se construiron 6 muiños dentro da fortaleza temendo que o inimigo en calquer momento poidera facer desaparecer os muiños de O Burgo.  A uns 150 metros nos atopamos cun lavadoiro e cun gran panel informativo da senda. Cruzamos a ponte de O Burgo e seguimos coa senda uns 500 metros mais ata o seu final. A senda remata subindo unhas escaleiras entre unhas casas. Imos por esa rúa entre as casas e collemos á dereita e a uns metros nos atopamos cun cruce cunha pequena estrada, o camiño de As lavandas. Imos coller á esquerda e seguir esa estrada que é a estrada que sube ata o encoro de Baíña. Ata o encoro o camiño é todo por asfalto polo que non é nada destacable, mais ben o contrario, é unha mágoa que non se continuase o paseo pola beira do río.
Senda fluvial do río Baíña

O encoro atópase a uns 6 kms do inicio da ruta. Uns 500 metros antes a man dereita podemos ollar un camiño de terra cun sinal de madeira que pon “Laxas-Muiños-Fonte”, nos metemos por ahí e nos atopamos coa senda verde do río Baíña onde se supón que hai ata 5 muiños pero a verdade é que só atopamos un, que é o muiño vello e que está rehabilitado. O resto se supón que deben estar seguindo río arriba pero o camiño está impracticable, polo que vos aconsellamos dar a volta no muiño. Na zona hai unhas escaleiras de madeira que baixan ata o río para poder facer unha foto da zona e tamén atopamos un cartel grande explicativo da flora e da fauna do río Baíña.
Senda verde do río Baíña

Voltamos á estrada que sube ao encoro e empezamos unha pequena pendente que nos leva ata o encoro, xusto antes de chegar ao encoro, a man esquerda imos ver unha pista forestal sinalizada cun cartel que nos indica a estación arqueolóxica de Os campos ou Outeiro dos Lameiros. Imos ir logo, primeiro subimos ata o encoro que se atopa a 20 metros de ese cruce seguindo a estrada.No encoro non se pode entrar, imos ver a porta pechada e a man dereita o salto de auga duns 43 metros de altura, a man esquerda da porta se a vemos de frente hai un caminiño que nos permite ver o encoro e a súa curva de coroación sen entrar no encoro. O encoro foi construido no ano 1985 para abastecer de auga a Baiona.
O encoro de Baiña

Deixamos o encoro e baixamos pola estrada para coller, agora si, a pista forestal que nos leva ata o Outeiro dos Lameiros. A 500 metros atopamos a estación arqueolóxica de Os Campos, tamén coñecida como outeiro dos Lameiros que é o outeiro que ten nunha das súa rochas os gravados mais importantes desta estación. A estación está moi ben sinalizada e con carteis explicativos de cada un dos paneis con gravados rupestres.
Petroglifo circular

O tema dos petroglifos é un tema moi extenso para tratar aquí e creo que xa me enrollei bastante ao principio. Só apuntar que o que coñecemos como petroglifos, forma parte do chamado grupo galaico de arte rupestre e que ten o seu epicentro no interior da ría de Pontevedra, en especial Campo Lameiro e Cotobade, e logo se extende polas rías de Vigo e Arousa. Ainda que se atopan petroglifos incluso no interior, a maioría de petroglifos de Galica se atopan na provincia de Pontevedra. Datan do Calcolítico (idade de Cobre) e da idade bronce (aproximadamente III-II milenio a.d.C.) e dun xeito básico se poden distinguir entre os petroglifos naturalistas (aqueles que representan armas, figuras humanas ou partes delas, figuras de animais) e os xeométricos (puntos, liñas, círculos, esvásticas, axedrezados, laberintos…). A interpretación de ambos tanto naturalistas como os xeométricos é moi discutida e varía según os diferentes expertos na materia. Non vou entrar ahí porque sobre iso hai moita literatura. Só quixen facer esta pequena introducción dos petroglifos porque nesta estación tedes a oportunidade de ollar, en poucos metros, a gran maioría de tipos de petroglifos (coviñas, cazoletas, círculos, axedrezados, zoomorfos…).
Figura central do panel, coñecida como "o rodaballo"

A estación arqueolóxica de Os Campos atópase a 186 metros sobre o nivel do mar, nunha zona de paso (portela) entre dous outeiros: o outeiro dos lameiros e o outeiro do ceboleiro. Nesta zona hai mais de trinta superficies con petroglifos gravados. O xacemento arqueolóxico foi descuberto en 1984 (algún petroglifo incluso foi descuberto no 2007). Entre os anos 2007 e 2008, por iniciativa da comunidade de montes en man común de sabarís procedeuse á musealización do xacemento para facer visitables os petroglifos.
O mais chamativo deste xacemento é o panel vertical do outeiro dos lameiros que contén 78 zoomorfos (aparentemente cabalos), único na península ibérica. Tamén é excepcional por estar en vertical, a maioría das rochas onde están os petroglifos soen ser horizontais. En galicia só se coñece outro panel vertical en porto do Son. É unha parede de 15X5 metros onde aparaecen representados 78 zoomorfos, cabalos a xulgar pola súa cola e as orellas e van de esquerda a dereita agás tres. Ademais no panel hai coviñas e figuras abstractas como a da figura central coñecida como o rodaballo, e logotipo do parque, tamén hai unha esvástica de seis puntas que xira de esuqerda a dereita, ábalas dúas figuras son únicas na aerte rupestre galaica. Dous dos cabalos deste panel tamén son o logotipo do sendeiro das Greas (homologado como GR-58, o sendeiro mais longo dos sendeiros de gran recorrido de Galicia con 247 kms).
Zoomorfo do panel principal

Esta zona, entre os dous outeiros, foi canteira, devesa real para a produciión de madeira para o rei e zona de paso entre Baíña, Sabaría e Belesar, de feito se poden ver nunha rocha onde hai petroglifos as rodeiras dos carros.
Panel principal da estación arqueolóxica

Deixamos o xacemento e comenzamos a volta seguindo a pista forestal cara o monte da comunidade de Santa cristina de Sabarís. Pasamos por un colmeneiro e a pista se bifurca. Collemos á esquerda e despois virán varias bifurcacións mais que non están sinalizadas por iso é imprescindible seguir a ruta cun GPS. A pista vai paralela a autoestrada Vigo-Baiona que pasamos por debaixo a través dun túnel. Pasado o tunel collemos unha pequena rúa á esquerda e chegamos as casas do final da senda fluvial do río Baíña e voltamos polo paseo ata a ermida.
Pedra decorada co "rodaballo" 

A ruta en non é das mais apetecibles que teño feito polo tema de que entre a senda fluvial e o xacemeneto arqueolóxico, tanto á ida como á volta faise moi aburrida porque non hai nada de interese, pero sen embargo, a senda e sobre todo, o xacemento si que merecen a pena visitalos. Podedes ollar o resto de fotos da ruta neste enlace.





luns, 18 de maio de 2015

Costa da Vela-Monte Facho


Datos técnicos

Lonxitude: 11.16 kms
Tipo: Circular
Sinalizado non homologado.
Altitude máx: 179 ms
Tempo: 4 horas 02 minutos (2 horas 50 minutos en movimento)
Saida e chegada desde o parking sur de Donón (Cangas)
M.I.D.E.: 6 (1 severidade, 2 orientación, 1 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


O roteiro da Costa da Vela é moi agradecido de facer tanto do punto de vista paixasístico como histórico. O roteiro é prácticamente chan agás a subida ao Monte Facho. Nesta tranquila ruta poderemos disfrutar das vistas das illas Cíes, abarcando ata as illa de Ons, ría de Aldán, de Pontevedra, Arousa, ata Fisterra e, polo sur, Vigo ata Cabo Silleiro. Ademáis teremos a oportunidade de coñecer un sitio máxico como o Monte Facho, onde se adoraba a un deus local chamado Bero, tamén no Facho atópanse restos de diferentes épocas como un asentamento da idade de Bronce, outro da idade de ferro e un posto de vixiancia militar do século XVIII que se cree asentado sobre un antigo faro romano, onde se facía lume para avisar (de ahí o nome de Facho). Se queres coñecer mais detalles desta fermosa ruta convídoche a que leas as seguintes liñas.

A Costa da Vela sitúase na parte suroeste da Península do Morrazo en Pontevedra. Vai desde Cabo Home ata Punta Couso, uns 10 km de tramo costeiro constituido principalmente por unha fronte case lineal de abruptos acantilados. Neste roteiro só facemos o tercio sur da costa costa, un roteiro circular que vai desde Donón ata Cabo Home.
A caracola mais famosa de Galicia
Donón é unha aldea que pertence á parroquia de Hío, que pertence á súa vez, ao Concello de Cangas. Para chegar ao noso punto de partida, que é o aparcadoiro sur de Donón, collemos a mal chamada "vía rápida" ou corredor de O Morrazo ata o seu final. Esta vía comenza na rotonda á saída da ponte de Rande e remata noutra rotonda na parroquia de Aldán. Ao longo desta vía hai varias saídas (Domaio, Meira, Marín, Cangas, Bueu..). Non collades ningunha seguide sempre recto pola vía rápida ata que cheguedes a unha rotonda cunha escultura dunha ánfora xigante. Collemos a rotonda dirección esquerda. Por esa estrada seguimos uns 4 kms ata chegar a un cartel indicativo (á dereita) de Hío, antes imos pasar pola parroquia de Aldán. Collemos por ese desvío e imos seguindo os carteis que nos indican a Donón, que está a uns 5 kms. Ao chegar a Donón parece que remata a estrada dentro do propio pobo pero se colle á dereita e xa nos atopamos co aparcadoiro sur de Donón, recoñecible pola estatua da caracola (do ano 2005). Despois de facernos a pertinente foto na estatua, obra do moañés Lito Portela, comenzamos a nosa ruta. A parte mais costosa do percorrido é a subida ao Monte Facho, así que si queredes, podedes empezar subindo primeiro o Monte e logo facer o resto da ruta mais tranquila. Nós fixemos ao revés, primeiro a parte mais suave para rematar no Facho.
Parking sur de Donón: inicio da ruta
Saimos do aparcadoiro dirección sur cara a Cabo Home, a senda é un camiño de terra bastante amplio por onde pasan coches de vez en cando polo é aconsellable ir polo lateral dereito que hai outro camiño mais estreito xa feito para os camiñantes. O camiño ata Cabo Home faise moi doado, non hai ningunha dificultade e ademais disfrutamos das vistas aos acantilados e ao Océano atlántico que nos acompañan todo o camiño. Non é de extrañar que a Costa da Vela fose declarada Zona Especial de Conservación no ano 2014 . A Costa da Vela, tamén coñecida (ainda que case non se usa) como Soavela ou Suavela debe o seu topónimo a vixiar (non á vela dos barcos, senón á vela de iluminar) e "so" ou "su" son sufixos que significan debaixo de, polo que se podería traducir como a costa que está debaixo da vixilia ou do que ilumina. E iso é porque está relacionado co Facho. O topónimo de Facho vén de fácula e fascis que significa fogueira ou conxunto de ramas, e están relacionados con montes onde se prendían fogueiras que facían de faro, que servían para iluminar a costa ou para advertir de perigos. Hai varios montes Facho na nosa xeografía, así temos o Facho de Donón, en Mougás, en Corrubedo, en Tui, en Fisterra, en Muxía… incluso o monte do Cabo Silleiro en Baiona se sabe por cartografías do século XVII que se chamaba Cabo Fascellis, mesma raiz de Facho. Outro topónimo relacionado con iluminar ou vixiar, ademais de vela ou facho, é Faro, así temos o Monte Faro en Domaio, en Oia (ao pé deste monte están as Sobreiras do Faro o bosque de sobreiras mais occidental de Europa) ou o Faro de Avión por dicir algúns. Podedes ver que temos moito monte cuia toponimia está relacionada coas fogueiras. 
Vistas camiño a Cabo Home
No medio do camiño hai un par de zonas onde poder sacar boas fotos da paisaxe con Cabo Home de fondo. Pouco a pouco nos achegamos ata Cabo Home e abandoamos o sendeiro collendo un camiño á nosa dereita que nos vai levar ata o Faro de Cabo Home, o Faro de Punta Robaleira e a Praia de Melide. Baixamos polo camiño ata un cruce, se collemos a man esquerda imos á praia de Melide e á dereita imos cara aos faros. Imos primeiro a ver os faros e collemos á dereita, un pouco mais adiante imos dar con outro cruce sinalizado que nos indica ao faro de Cabo Home ou ao faro de Robaleira, collemos á dereita e visitamos primeiro o faro de Cabo Home.

O faro de Cabo Home
O faro de Cabo home é unha torre cilíndrica de 3 pisos de cor branca cos fiestras e porta pintadas de azul. É un dos faros mais altos de Galicia situado a tan só 2,5 kms das Illas Cíes. Desde alí podemos observar a Costa da Vela e o Facho , así como as 3 puntas que polo camiño non puidemos observar, a punta Coruxo en Donón (a toponimia pode ser polo nome dun peixe ou pola raíz cor que significa pedra), a punta Basaduriños ou Besaduriños (toponimia vén de besada = campo que se cultiva) na metade do camiño e a punta Sumalvido (toponimia significa por debaixo dun terreo de malvas) xa preto de Cabo Home. Un fermoso lugar tamén para poder sacar unha boa tira de fotos.

Panorámica desde Cabo Home
De ahí nos diriximos a outro dos faros que se atopa en Punta Robaleira (nome dun peixe). É un antigo faro de cantería. Trátase dunha torre cilíndrica de gran anchura e pouca altura construida en pedra e pintada de vermello. Desde alí hai boas vistas das Cíes, e a ría de Vigo ata Cabo Silleiro.

Faro de Punta Robaleira
Seguimos o noso camiño e nos diriximos ata a Praia de Melide que cruzamos polo seu areal. A praia de Melide franqueada por 3 faros e dentro dun espacio natural protexido conta cuns 250 metros de longo e un sistema dunar. 

Panorámica desde Punta Robaleira
Deixamos a praia de Melide (non sen aguantar as ganas de darnos un bo baño) e continuamos a ruta por un camiño estreito que se atopa ao carón dun cartel informativo da praia. Ese camiño nos leva directamente nunha suave subida ata o Faro de Punta Subrido que está no Cabo Pequeno. O faro de Punta Subrido é semellante ao de Cabo Home, tamén é branco coas fiestras e a porta remarcadas de azul pero só ten dous pisos. Mide 13 metros de altura e está uns 33 metros sobre o nivel do mar. Subrido vén de sobreira, o que quere dicir que houbo algún tempo que nese cabo houbo sobreiras.

Praia de Melide
A partires de ahí entramos na enseada de Barra, e desde o faro xa podemos ver as 3 praias seguidas de Nerga, é a queda mais ao este, a de Viñó e a de Barra. Os areias de Nerga, Viñó e barra de 2 kms de extensión, xunto coa praia de Melide conforman sistemas dunares de grande importancia ecolóxica. As 3 praias están separadas por dúas puntas, entre Nerga e Viñó está Punta Meixolleira e entre Viñó e Barra está Punta Promontorio.


Faro de Punta Subrido
Deixamos o faro de punta Subrido e comenzamos o retorno ao pobo de Donón imos coller un camiño á dereita para ver unha antiga fábrica de salgado que se atopa en ruina. Realmente non merece a pena desviarse para mirala porque non ten nada de especial, o edificio só ten os 4 muros, iso sí está nun lugar privilexiado, pegado á auga que co día que tivemos tiña unha cor azul turquesa e totalmente transparente que daban ganas de botarse de cabeza ao auga.

A enseada de Barra desde a antiga fábrica de Salgado 
Deixamos a fábrica e seguimos o camiño ata chegar á praia de Barra onde desemboca o rego de Donón. Barra é o areal nudista mais coñecido do sur de Galicia. O seu nome ten unha raiz preindoeuropea (Bar) que vén significar algo así como banco de area que se forma na desembocadura dun río no mar.


Panorámica das praias de Barra, Viñó e Nerga
Seguimos o camiño adentrándonos no piñeiral que se atopa na desembocadura do regueiro cara a Donón. O tramo entre Barra e Donón é o mais soso de toda a ruta, pero é un tramo curto enseguida se chega a Donón. Resaltar que neste tramo nos cruzamos co grupo de sendeirismo Pasada das Cabras de Burela, que ese día decidiron facer tamén esta ruta, ainda que eles a fixeron en dirección contraria.


Subida ao Monte Facho
Pasamos polas rúas estreitas de Donón para dirirxirnos ao parking sur, de ahí ao parking norte e collemos o camiño para subir ao Facho pertinentemente ben sinalizado cun gran cartel que pon Berobriga. Esta zona é rica en toponimia celta ou preindoeuropea como Barra, Nerga, Cíes, ou Donón. Hai quen di que Donón provén do deus celta Donn, deus relacionado co escuro e a morte.
Cazoletas nunha pedra do Facho
O Facho de Donón foi un lugar máxico escollido por o nosos antergos para adorar a un deus. Ademáis das excepcionais vistas que alcanzan desde Cabo Silleiro ata Fisterra, o Facho posúe na súa cima restos de diferentes etapas históricas:un asentamento da Idade de Bronce (non visible), un asentamento da Idade de Ferro, un santuario da época romana e unha garita da época moderna (s. XVIII).  Para subir ao Monte Facho o facemos por un camiño empedrado. O primeiro que nos imos atopar é a muralla defensiva do castro da idade de Ferro que é visible no alto do monte. Despois  o castro, o santuario, e a garita.
O castro da Idade de Ferro (Berobriga)
Seguindo unha orde cronolóxica, na ladeira este desde a cima ata o pé do monte se atopaba un primer asentamento que corresponde á idade de Bronce final (s. IX-VII a.d.C.). Ainda que non se fixeron excavacións arqueolóxicas (por iso non é visible) se coñece pola cerámica atopada, tamén se sabe que este asentamento non dispoñía de estructuras defensivas polo seu tamaño e pola dificultade do terreno onde estaba asentado.
A garita do século XVIII
Nun momento da historia, este asentamento se abandona e se erixe un poboado castrexo pertencente á Idade de Ferro na ladeira noreste e norte. Este recinto ten a estructura típica dos castros: doble recinto amurallado que engloba a cima e as terrazas, foso e terrapléns. Polos restos atopados (cerámica e vidrios) o poboado se sitúa entre os séculos IV-III a.d.C. e se supón habitado ata o cambio de era, non mais alá do século I d.C. Ademáis se coñecen dous basureiros a ambos lados do castro da Idade de Ferro chamados Concheiros.
Aras romanas
O mais significativo do Monte Facho é aparición de aras romanas. A súa propia condición nos remite a unha ocupación do lugar en época romana, entre finais do século I d.C. ata o século V d.C., entre a implantación definitiva da cultura romana e a do cristianismo. En consecuencia, a partires da desaparición do xacemento castrexo e sen poder precisar a data, asistimos á implantación dun lugar de culto con rasgos romanos con transfondo indíxena sin que se poidera relacionar a existencia do santuario na época do castro, todo semella indicar que cando se creou o santuario o castro xa estaba abandonado. Das aras romanas xa se tiña coñecemento desde hai tempo, de feito, a xente do pobo sabía que había unhas pedras "escritas e con debuxos". Algunhas aras empregáronse como muro de peche de fincas próximas ao castro e para a garita que se atopa na cima.O primeiro estudio serio faise nos anos 60 e se atopan 15 aras que se poden ver no Museo Quiñones de León de Vigo. o estudio arqueolóxico mais completo fíxose entre o ano 2003-2008 e se atoparon 57 pezas (antes dos 2003 xa se atoparan 42. Hoxe en día sábese que había mais de 150 aras. Algunhas se atoparon intactas no mesmo sitio onde foran colocadas. As aras son pedras alongadas  con inscripcións ou sen elas que se clavaban no chan a modo de ofrenda. Podían estar clavadas no chan tras facer un buraco, (algunhas tiñan pedras de apoio aos lados para que non se caira) e outras con forma de cuña estaban só suxeitas entre dúas pedras, non se enterraban. Tamén se sabe que algunhas aras estaban rodeadas de pedras como facendo un recinto, e non existía un número determinado de aras por recinto, se atoparon aras sen recinto, unha soa ara dentro dun recinto, e recintos con varias aras. a forma e a ubicación das aras indican que as aras pertencen a diferentes etapas, incluso as mais antigas que se rompían servían como apoio a outras aras mais novas, polo que se cre que seguía funcionando o sentido da ofrenda ainda que a ara estivera rota. O santuario colocouse ao este do Monte na zona mais protexida do clima e avanzou en dirección ao castro da Idade de Ferro. As inscripcións en latín, agás dúas, eran anónimas estaban feitas en primeira persoa do singular, e adicadas ao deus local Bero. Lar é o nome do deus e Bero é o epíteto local. As inscripcións eran feitas no propio santuario, no castro próximo ou nas cercanías, o cal ten o seu valor porque as aras ainda pesan. Nesta zona de excavación atopouse cerámica, vidrio e moedas da época tardo-romana polo que se pensa que o santuario foi utilizado cando o castro xa fora abandonado. Tamén non hai indicios de que o santuario fose abandonado pola invasión do cristianismo, non se atopou simboloxía cristiana.
Vistas desde O Facho (sur-suroeste)

Finalmente, despois de aparente abandono o Monte volveuse a utilizar como posto de vixiancia militar entre mediados do século XVIII e o século XIX. Desta etapa queda a garita de pedra que hoxe en día coroa o monte. Atopáronse restos de tellas e cerámica desta época. 

Bueno espero que este relato te anime a descubrir esta ruta ou redescubrila se xa a fixeches. A información foi recollida dos paneis informativos da ruta, do libro "Os nomes da ría de Vigo" de Gerardo Sacau e do informe das excavacións do 2003 que podedes ler neste enlace. Podedes ver todas as fotos da ruta neste enlace. Espero os vosos comentarios.




venres, 9 de xaneiro de 2015

Do castro de Estea ao castro de Chandebrito


Datos técnicos

Lonxitude: 12.09 kms
Tipo: Lonxitudinal
Sinalizado e non sinalizado. Coincide con tramos dun sendeiro local ainda non homologado, do PRG-9 e do GR-53.1
Altitude máx: 527 ms
Tempo: 4 h 25 min.
Saida desde a estrada Vigo-Baiona (en Saians-Vigo) e chegada no Castro de Chandebrito (Nigrán)
M.I.D.E.: 8 (1 severidade, 2 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


A ruta da que vos falamos hoxe nos leva desde un antigo asentamento castrexo ata outro: desde o castro do alto da Medoña ata o Castro de Chandebrito. A ruta nos levará a percorrer vestixios do neolítico (muiños naviculares), a idade dos metais (petroglifos), a cultura castrexa (castros) e a Idade Moderna (muiños de auga, minas de auga). Ademais disfrutamos das excelentes vistas dos 3 altos que visitamos na ruta que son: o alto da Medoña, o alto de San Amedio e o alto do Castro de Chandebrito.

Inicio da ruta
Na ruta imos coincidir con sinais de sendeiros local (franxas azul celeste e branca), de pequeno percorrido (PRG-9 franxas amerala e branca) e de gran percorrido (franxas vermella e branca). Hai que dicir que non sempre se seguen esas marcas, hai tramos do camiño non sinalizados ou que imos en contra do que aparece sinalizado polo que vai facer falta un sistema de GPS para seguir a ruta. Tamén cabe sinalar que a maioría do camiño faise por pistas forestais anchas. E como sempre apuntar que a nós a ruta levounos  4 horas e pico pero se pode facer perfectamente cunha hora menos porque, como sempre comento, nós somos un grupo que nos paramos moito: a facer fotos, facemos unha parada para picar algo e beber que non baixa dos 15 minutos, non imos a paso rápido... ou sexa que se es dos que estás acostumado a patear a un ritmo normal en 3 horas e pouco podes facer esta ruta.

Mencer desde o Castro do alto da Medoña
A ruta é lonxitudinal así que hai que deixar os coches no punto de inicio e de chegada. O inicio da ruta atópase na estrada de Vigo a baiona, tamén chamada estrada de Camposancos. O inicio da ruta atópase no km 6, pasando unha curva á dereita. Noutro carril podemos ver un cartel indicando a ruta que vai ao alto da Medoña. Se saides desde Vigo dicirvos que hai dúas gasoliñeiras nesa estrada, a primeira é unha Campsa que está xusto ao comenzo da estrada ao lado da fábrica de Citroen e aoutra na metade do camiño, no lugar de Priegue(Nigrán), pois uns 800 metros antes de chegar a esa gasoliñeira está a entrada da ruta, así que se chegades a esa gasoliñeira é que vos tedes pasado. Para chegar ao Castro de Chandebrito, nos situamos na mesma estrada de Vigo a Baiona, a uns 4 kms nos atopamos cunha rotonda que si collemos á dereita nos leva á praia do Vao, seguimos de frente dirección Baiona e a uns 400 metros desa rotonda hai un semáforo. A man dereita podemos ver a igrexa de Coruxo, collemos o cruce a man esquerda imos ver un cartel que pon Fragoselo e Colexio Estudio, seguimos esa estrada sen coller ningún desvío uns 4 kms ata chegar a Chandebrito. Alí o monte do Castro é visible e recoñecicle (ten como un pararaios no seu cumio), senón preguntade a alguén porque é moi sinxelo chegar, ao lado do Castro hai moito sitio para aparcar.

Entrada á mina de auga
Volvemos ao punto de inicio. Lembrade pasando o km 6, a man dereita hai un pequeno sitio para aparcar 3 coches ao carón do contenedor xusto enfrente do inicio da ruta e senón no outro carril tamén se pode deixar nun anaco de estrada abandonada que está xusto ao carón da entrada da ruta. Subimos unha pequena costa e nos atopamos con dous postes do sendeiro local pintados de cor azul celeste e branca, un á esquerda e outro á dereita. Collemos á dereita que nos leva ata o castro da Medoña. A poucos metros nos atopamos co foxo oeste do castro polo que vai o camiño que nos vai levar ata unha mina de auga. Xa desde o tempo dos castros se construiron sistemas de obtención e almacenaxe de auga, como poden ser as minas de auga. Ainda que non se pode asegurar con certeza desde cando existen estas minas de auga en Galicia é fácil supor a súa orixe romana, no caso da mina do alto da medoña é mais recente, posiblemente de finais do século XIX ou xa do XX.

A cara sur do Castro
Seguimos dando volta ao redor do castro e chegamos á cara sur onde se observa mellor a pendente natural do castro. Atopamos un sinal que nos indica subir ao alto do castro ou se collemos de frente para abaixo ir aos muiños. Subimos a ver o castro. No alto atópase un panel cunha foto panorámica coa toponimia que estamos vendo e unha serie de naufraxios. Hai que comentar que non esperedes atopar un castro como o de Sta. Tecla ou o de Baroña. Tanto este como o de Chandebrito non foro excavados polo que non ides atopar ningunha vivenda nin están reconstruidos. Este castro coñécese como o castro do alto da Medoña ou castro de Estea polo regueiro próximo ao castro que se chama así. Medoña é sinónimo de Madorra e de Mámoa polo que polo seu topónimo podemos deducir que ou ben hai tempo existiu alí unha mámoa ou lle puxeron ese nome porque a montaña ten forma de mámoa. Os castros compóñense de zonas feitas para vivir neles e defenderse como: croa, terrazas, parapetos, fosos, terrapléns e murallas. No caso do alto da Medoña se descoñece si existía muralla porque non se fixo ninguna excavación arqueolóxica. Ten un foxo de 12 metros de profundidade e preto de 20 metros de altura. Preto da zona se atoparon 7 pezas de bronce das coñecidas como machados de talón con argolas.

Panorámica desde o castro do Alto da Medoña
Baixamos do castro e imos cara aos muiños seguindo o cartel que nos indica aos muiños. Imos ver, sen embargo, un sinal nunha árbore cunha aspa de camiño incorrecto do sendeiro local, non facemos caso e collemos ese camiño costa abaixo e aos 30 metros xa nos atopamos cos muiños que están totalmente abandonados. Estes 3 muiños de auga son os muiños de Estea: chamados Muiño Grande da presa de riba, muiño do Cambés e o muiño da Delfina. Os muiños podían ser de propiedade privada individual e cobraban unha porcentaxe, chamada maquía, sobre a cantidade moida para os clientes ou de varios propietarios que distribuian o tempo de moer segundo as partes de propiedade no muiño. Pegado ao muiño de arriba a man dereita atopamos unha presa que se fixo para recoller a auga para os 3 muiños.

Presa Darriba ou de Estea
Por detrás do muiño de arriba tamén se atopan 3 muiños naviculares fixos. O neolítico chegou a Galicia hai 6500 anos é un periodo da prehistoria na que aparece a cerámica, os útiles de pedra pulida, intensifícase a relixiosidade e invéntanse os muiños como ferramenta para converter o gran dos cereais en fariña. Podían ser fixos coma estes ou móviles de pedra. Non se sabe con certeza se eran para moer cereais, minerais ou plantas psicotrópicas. Así que en poucos metros atopamos vestixios do neolítico, a idade de Ferro e a idade moderna. Este é bo sito para animar, se tedes colegas vagonetas, a que veñan visitalo porque queda pegado á estrada e en 15 minutos podedes ver tanto o castro como os muiños con esforzo cero, ademais agora o chan está almohadillado coas follas de carballos e outras caducifolias. En outono é espectacular co cambio de cor da folla.

Muiños naviculares de soporte fixo
Seguimos o camiño pola presa neste caso si seguimos as marcas do sendeiro local e empezamos a subir por pista forestal ata o parque forestal de Saians. O parque forestal de Saians pertencente a Vigo con mais de 23.000 metros cadrados foi un dos primeiros que se fixo en Vigo.Conta con fonte e mesas e ten cerca a área arqueolóxica de Estea o que fai que sexa un bo lugar para o esparcemento. Conta ademais con varios paneis grandes explicativos das diferentes sendas tanto da nova senda local que se fixo no 2014 como os GR e PRG que hai pola zona.

Parque forestal de Saians
Seguimos o noso camiño. Se miramos de frente o parque imos coller unha pista forestal a man dereita pegada ao parque. Esa pista a seguimos de frente sempre sen coller ningún cruce ata que vai chegar unha estrada na que podemos coller a man dereita ou a man esquerda. A man dereita imos ver un poste de PRG pero non imos ir por ahi porque nos leva ata Priegue. Así que collemos a man esquerda, imos ver a poucos metros unha caseta de abastecemento de augas. Ahí acaba a estrada (que por certo está como corcho levantado) e comenza a pista en subida que nos vai levar ata o alto de San Amedio. Ao principio hai unha costa con algo de pendente e xa podemos ollar unhas vistas impresionantes da costa preludio das vistas que nos imos atopar en San Amedio. Ao chegar arriba desa costa atopamos un cruce con outra pista que collemos á dereita. está sinalizado o camño con marcas amarelas e brancas correspondentes ao PRG-9. A partires de ahí o camiño é mais suave e sempre hai que ir de frente non se colle ningún cruce.

Panorámica desde o alto de San Amedio. Vistas do nordeste.
Chega un momento en que a pista segue de frente e a ruta nos leva á dereita por un camiño que case está tapado polas follas da vexetación ainda que se pasa ben. Seguimos a ruta marcada con amarelo e branco e chegamos ata o alto de San Amedio desviándonos de novo a dereita. Subimos 10 metros e xa vemos a caseta forestal e as impresionantes vistas de Chandebrito e o Val Miñor. O alto de San Amedio ou Sanomedio debe o seu nome a un haxiónimo (topónimo relacionado cun santo) neste caso Amedio, tamén coñecido como Mamed, Mamede, Mamés, Saamed, Amed. Según se conta, este santo mártir era un ermitaño que vivía afastado no monte e amansaba ás fieras léndolles o Evanxelio, e tamén se alimentaba delas (de ahí o nome de Mamed). Sábese que no alto de San Amedio existía unha capela en honra a este santo seguramente rexida por monxes ermitaños.

Panorámica desde o Alto de San Amedio. Vistas do sudeste
Unha das tradicións orais da zona conta que entre os viciños de Chandebrito e os de Camos había unha gran disputa por San Amedio. Quedaron en botar unha carreira saindo ao alba cada un da súa vila ata un punto intermedio que neste caso era o Outeiro do Ghañador. O primeiro en chegar quedaría coa figura de San Amedio. A partires de ahí o final do conto cambia según quen o conte, uns din que os de Chandebrito sairon antes do alba, outros que chegou primeiro un de Camos pero a cousa acabou en paos e gañaron os de Chandebrito. Fose coma fose a realidade é que a figura de San Amedio hoxe en día se atopa na Igrexa de San Xosé de Chandebrito.


Outra panorámica desde Sanomedio
O alto de San Amedio é xunto ao alto de Peneites dous dos picos que forman a cordilleira do Maúxo mais cercanos a Chandebrito. O Maúxo tamén é coñecido como Montes de Coruxo. Tanto en san Amedio como noutros picos hai covas e abrigueiros naturais que na época da Guerra Civil serviron de refuxio para os escapados.

O camiño transcurre case sempre por amplias pistas
Baixamos de san Amedio e volvemos á pista marcada con sinais amarela e branca. A ruta segue á dereita pero é un cortafogos costa abaixo con unha gran pendente e con bastantes posibilidades de que alguén acabe rodando polo que decidimos non correr o risco así que collemos á esquerda e imos por un camiño que aparece coa cruz branca e amarela de camiño equivocado que vai bordear un outeiro. ese camiño nos leva a unha pista forestal que acaba nun cruce. Nese cruce que aparece sinalizado como GR-53.1 imos coller á dereita, se colléramos á esquerda imos ver aos poucos metros unha planicie onde hai plantados carballos, castiñeiros e madroños chamada Chan da Lagoa. pero nós collemos á dereita e imos descendendo pola pista que nos vai levar ata Chandebrito. Baixamos e esa pista chega a otro gran cruce e collemos á dereita, logo ven outro cruce onde hai sinais do PRG-9 e collemos á esquerda e aos poucos metros chegamos a outra planicie, neste caso xa en terras de Chandebrito que é a Chan do Rapadouro.

O alto de San Amedio desde a Chan do Rapadouro
Agora non destacan tanto, pero en setembro esta zona está plagada de castiñeiros. A man dereita nos atopamos co pètroglifo do Rapadouro. Este é o exemplo perfecto para comprobar o pouco que se respetan o noso patrimonio, hai uns meses alguén se adicou a raiar os petroglifos e mesmo na pedra se poden observar marcas dun martillo pilón de cando quixeron utilizar a pedra onde se atopan os petroglifos para outros menesteres. Os petroglifos que se poden observar son coviñas e círculos. Había outra pedra con petroglifos pero desapareceu.

Petroglifo de Chan do rapadouro (coas marcas de cando quixeron extraer a pedra)
Seguimos pola Chan do Rapadouro e despois do petroglifo nos atopamos co Colexio Estudio. Viramos á esquerda por unha pequena estrada e vemos o cartel indicativo dos petroglifos do Preguntadouro no que se poden observar coviñas, cazoletas, muiños naviculares e un cruciforme.

Cazoletas nas Chouciñas 
Voltamos á estrada e un pouco mais adiante nos atopamos cun sinal que nos indica os petroglifos das Chouciñas. No camiño que nos leva a estes petroglifos cmado o da Canincosta podemos observar marcas dos carros que antigamente pasaban por ese camiño e que deixaron a súa pegada na pedra do camiño. Estes petroglifos non se miran tan ben como os anteriores, están mais desgastados e só se obervan unhas cazoletas. tanto os do Rapadouro, Preguntadouro e os das Chouciñas non se atopan moi ben conservados, non se coida a maleza e os paneis están bastante deteriorados.

Muiño de enmedio de Rodas
Seguimos o camiño da Canincosta uns metros e imos coller un sendeiro estreito a man dereita que nos vai levar ata un regato que cruzamos e nos leva ata unha pista forestal ancha. seguimos esa pista forestal á esquerda e pouco despois de pasar unha pedra furada chegamos a un cruce de 3 camiños e imos coller o da dereita sinalado con marcas amarelas e brancas. Seguimos ese camiño e nos vai levar ata a Fraga de Rodas, onde se atpan os muiños de Rodas. A fraga de Rodas é unha pequena mostra de bosque húmido atlántico
con fentos e musgos que recubren todas as pedras.

O muiño de abaixo
Neste ecosistema tamén atopamos 3 muiños de auga abandonados que son os muiños de Rodas, chamados: o muiño darriba, o do medio e o dabaixo (non se complicaron cos nomes). En Chandebrito hai un total de 11 muiños de auga. Nesta época os muiños e as pedras do chan se atopan cubertos de musgo co que asemella que estamos en medio dunha xungla. Deixamos a fraga volvemos ao camiño e seguimos as marcas amarelas e brancas que nos levan ata a estrada que vai desde Fragoselo ata Chandebrito. Subimos uns 300 metros pola estrada e chegamos ao barrio das Pereiras. A man esquerda imos chegar ata a fonte das Pereiras, pois xusto antes hai un caminiño estreito que sube dirección ao Castro de Chandebrito e imos collelo. ese camiño nos leva ata a cara suroeste do castro. Atopámonos co lavadoiro das Pereiras e unha escalinata de madeira que nos vai levar a subir o monte por esa cara. Tamén vemos 2 dos cinco muiños de auga que se atopan nas inmediacións do castro.

Escaleiras para subir ao Castro de Chandebrito
Os 5 muiños son os muiños do Regheiro: catro se atopan na ladeira do castro e son o muiño dabaixo, o do medio, o do outeiro e o da presa. O quinto chámase o muiño da chan ou dos cruceiros e se atopa nunha planicie na cara este do castro. Estes 5 muiños chámanse do regheiro porque non teñen precisamente un regueiro ao lado senón que a auga lles vén dunha longa levada procedente da Presa da lapela que está auns cantos metros por detrás do muiño da Chan. Os muiños son de comenzos do século XX e están ben conservados. O muiño da chan ou dos cruceiros se chama así porque enfrente había 5 cruces, agora só queda unha, e antigamente había unha tradición xa perdida na que ían en procesión desde a igrexa ata os cruceiros para pedirlle a San Xosé que acabara coa sequía.

Panorámica desde o Castro de Chandebrito. Vistas do suroeste
Subimos polas escaleiras e chegamos ata o alto do Castro de Chandebrito, punto final da nosa andaina. No castro se poden observar as diferentes partes do castro como son os terrapléns, as terrazas e una anaco da antiga muralla que foi reformada. Este castro tamén sufriu bastantes danos ao facer a pista que sube, que foi utilizadas por motos, ademais de producirse saqueos de restos arqueolóxicos. Entre estes restos se atoparon restos de cerámica celta-romana. No alto tamén se poden observar unhas cazoletas e, sobre todo, unhas magníficas vistas en 360 graos. Ao norte os monte Alba e o Cepudo, ao este os Curutos e o Galiñeiro, ao sur o Monte Castelo e o Mauxo e ao oeste a ría de Vigo, Vigo, e o Morrazo.

Unha ruta para gastar carrete
E isto foi todo, unha ruta recomendadísima. espero que vos axude esta crónica. Podedes ollar todas as fotos da andaina neste enlace.