luns, 18 de maio de 2015

Costa da Vela-Monte Facho


Datos técnicos

Lonxitude: 11.16 kms
Tipo: Circular
Sinalizado non homologado.
Altitude máx: 179 ms
Tempo: 4 horas 02 minutos (2 horas 50 minutos en movimento)
Saida e chegada desde o parking sur de Donón (Cangas)
M.I.D.E.: 6 (1 severidade, 2 orientación, 1 dificultade, 2 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios


O roteiro da Costa da Vela é moi agradecido de facer tanto do punto de vista paixasístico como histórico. O roteiro é prácticamente chan agás a subida ao Monte Facho. Nesta tranquila ruta poderemos disfrutar das vistas das illas Cíes, abarcando ata as illa de Ons, ría de Aldán, de Pontevedra, Arousa, ata Fisterra e, polo sur, Vigo ata Cabo Silleiro. Ademáis teremos a oportunidade de coñecer un sitio máxico como o Monte Facho, onde se adoraba a un deus local chamado Bero, tamén no Facho atópanse restos de diferentes épocas como un asentamento da idade de Bronce, outro da idade de ferro e un posto de vixiancia militar do século XVIII que se cree asentado sobre un antigo faro romano, onde se facía lume para avisar (de ahí o nome de Facho). Se queres coñecer mais detalles desta fermosa ruta convídoche a que leas as seguintes liñas.

A Costa da Vela sitúase na parte suroeste da Península do Morrazo en Pontevedra. Vai desde Cabo Home ata Punta Couso, uns 10 km de tramo costeiro constituido principalmente por unha fronte case lineal de abruptos acantilados. Neste roteiro só facemos o tercio sur da costa costa, un roteiro circular que vai desde Donón ata Cabo Home.
A caracola mais famosa de Galicia
Donón é unha aldea que pertence á parroquia de Hío, que pertence á súa vez, ao Concello de Cangas. Para chegar ao noso punto de partida, que é o aparcadoiro sur de Donón, collemos a mal chamada "vía rápida" ou corredor de O Morrazo ata o seu final. Esta vía comenza na rotonda á saída da ponte de Rande e remata noutra rotonda na parroquia de Aldán. Ao longo desta vía hai varias saídas (Domaio, Meira, Marín, Cangas, Bueu..). Non collades ningunha seguide sempre recto pola vía rápida ata que cheguedes a unha rotonda cunha escultura dunha ánfora xigante. Collemos a rotonda dirección esquerda. Por esa estrada seguimos uns 4 kms ata chegar a un cartel indicativo (á dereita) de Hío, antes imos pasar pola parroquia de Aldán. Collemos por ese desvío e imos seguindo os carteis que nos indican a Donón, que está a uns 5 kms. Ao chegar a Donón parece que remata a estrada dentro do propio pobo pero se colle á dereita e xa nos atopamos co aparcadoiro sur de Donón, recoñecible pola estatua da caracola (do ano 2005). Despois de facernos a pertinente foto na estatua, obra do moañés Lito Portela, comenzamos a nosa ruta. A parte mais costosa do percorrido é a subida ao Monte Facho, así que si queredes, podedes empezar subindo primeiro o Monte e logo facer o resto da ruta mais tranquila. Nós fixemos ao revés, primeiro a parte mais suave para rematar no Facho.
Parking sur de Donón: inicio da ruta
Saimos do aparcadoiro dirección sur cara a Cabo Home, a senda é un camiño de terra bastante amplio por onde pasan coches de vez en cando polo é aconsellable ir polo lateral dereito que hai outro camiño mais estreito xa feito para os camiñantes. O camiño ata Cabo Home faise moi doado, non hai ningunha dificultade e ademais disfrutamos das vistas aos acantilados e ao Océano atlántico que nos acompañan todo o camiño. Non é de extrañar que a Costa da Vela fose declarada Zona Especial de Conservación no ano 2014 . A Costa da Vela, tamén coñecida (ainda que case non se usa) como Soavela ou Suavela debe o seu topónimo a vixiar (non á vela dos barcos, senón á vela de iluminar) e "so" ou "su" son sufixos que significan debaixo de, polo que se podería traducir como a costa que está debaixo da vixilia ou do que ilumina. E iso é porque está relacionado co Facho. O topónimo de Facho vén de fácula e fascis que significa fogueira ou conxunto de ramas, e están relacionados con montes onde se prendían fogueiras que facían de faro, que servían para iluminar a costa ou para advertir de perigos. Hai varios montes Facho na nosa xeografía, así temos o Facho de Donón, en Mougás, en Corrubedo, en Tui, en Fisterra, en Muxía… incluso o monte do Cabo Silleiro en Baiona se sabe por cartografías do século XVII que se chamaba Cabo Fascellis, mesma raiz de Facho. Outro topónimo relacionado con iluminar ou vixiar, ademais de vela ou facho, é Faro, así temos o Monte Faro en Domaio, en Oia (ao pé deste monte están as Sobreiras do Faro o bosque de sobreiras mais occidental de Europa) ou o Faro de Avión por dicir algúns. Podedes ver que temos moito monte cuia toponimia está relacionada coas fogueiras. 
Vistas camiño a Cabo Home
No medio do camiño hai un par de zonas onde poder sacar boas fotos da paisaxe con Cabo Home de fondo. Pouco a pouco nos achegamos ata Cabo Home e abandoamos o sendeiro collendo un camiño á nosa dereita que nos vai levar ata o Faro de Cabo Home, o Faro de Punta Robaleira e a Praia de Melide. Baixamos polo camiño ata un cruce, se collemos a man esquerda imos á praia de Melide e á dereita imos cara aos faros. Imos primeiro a ver os faros e collemos á dereita, un pouco mais adiante imos dar con outro cruce sinalizado que nos indica ao faro de Cabo Home ou ao faro de Robaleira, collemos á dereita e visitamos primeiro o faro de Cabo Home.

O faro de Cabo Home
O faro de Cabo home é unha torre cilíndrica de 3 pisos de cor branca cos fiestras e porta pintadas de azul. É un dos faros mais altos de Galicia situado a tan só 2,5 kms das Illas Cíes. Desde alí podemos observar a Costa da Vela e o Facho , así como as 3 puntas que polo camiño non puidemos observar, a punta Coruxo en Donón (a toponimia pode ser polo nome dun peixe ou pola raíz cor que significa pedra), a punta Basaduriños ou Besaduriños (toponimia vén de besada = campo que se cultiva) na metade do camiño e a punta Sumalvido (toponimia significa por debaixo dun terreo de malvas) xa preto de Cabo Home. Un fermoso lugar tamén para poder sacar unha boa tira de fotos.

Panorámica desde Cabo Home
De ahí nos diriximos a outro dos faros que se atopa en Punta Robaleira (nome dun peixe). É un antigo faro de cantería. Trátase dunha torre cilíndrica de gran anchura e pouca altura construida en pedra e pintada de vermello. Desde alí hai boas vistas das Cíes, e a ría de Vigo ata Cabo Silleiro.

Faro de Punta Robaleira
Seguimos o noso camiño e nos diriximos ata a Praia de Melide que cruzamos polo seu areal. A praia de Melide franqueada por 3 faros e dentro dun espacio natural protexido conta cuns 250 metros de longo e un sistema dunar. 

Panorámica desde Punta Robaleira
Deixamos a praia de Melide (non sen aguantar as ganas de darnos un bo baño) e continuamos a ruta por un camiño estreito que se atopa ao carón dun cartel informativo da praia. Ese camiño nos leva directamente nunha suave subida ata o Faro de Punta Subrido que está no Cabo Pequeno. O faro de Punta Subrido é semellante ao de Cabo Home, tamén é branco coas fiestras e a porta remarcadas de azul pero só ten dous pisos. Mide 13 metros de altura e está uns 33 metros sobre o nivel do mar. Subrido vén de sobreira, o que quere dicir que houbo algún tempo que nese cabo houbo sobreiras.

Praia de Melide
A partires de ahí entramos na enseada de Barra, e desde o faro xa podemos ver as 3 praias seguidas de Nerga, é a queda mais ao este, a de Viñó e a de Barra. Os areias de Nerga, Viñó e barra de 2 kms de extensión, xunto coa praia de Melide conforman sistemas dunares de grande importancia ecolóxica. As 3 praias están separadas por dúas puntas, entre Nerga e Viñó está Punta Meixolleira e entre Viñó e Barra está Punta Promontorio.


Faro de Punta Subrido
Deixamos o faro de punta Subrido e comenzamos o retorno ao pobo de Donón imos coller un camiño á dereita para ver unha antiga fábrica de salgado que se atopa en ruina. Realmente non merece a pena desviarse para mirala porque non ten nada de especial, o edificio só ten os 4 muros, iso sí está nun lugar privilexiado, pegado á auga que co día que tivemos tiña unha cor azul turquesa e totalmente transparente que daban ganas de botarse de cabeza ao auga.

A enseada de Barra desde a antiga fábrica de Salgado 
Deixamos a fábrica e seguimos o camiño ata chegar á praia de Barra onde desemboca o rego de Donón. Barra é o areal nudista mais coñecido do sur de Galicia. O seu nome ten unha raiz preindoeuropea (Bar) que vén significar algo así como banco de area que se forma na desembocadura dun río no mar.


Panorámica das praias de Barra, Viñó e Nerga
Seguimos o camiño adentrándonos no piñeiral que se atopa na desembocadura do regueiro cara a Donón. O tramo entre Barra e Donón é o mais soso de toda a ruta, pero é un tramo curto enseguida se chega a Donón. Resaltar que neste tramo nos cruzamos co grupo de sendeirismo Pasada das Cabras de Burela, que ese día decidiron facer tamén esta ruta, ainda que eles a fixeron en dirección contraria.


Subida ao Monte Facho
Pasamos polas rúas estreitas de Donón para dirirxirnos ao parking sur, de ahí ao parking norte e collemos o camiño para subir ao Facho pertinentemente ben sinalizado cun gran cartel que pon Berobriga. Esta zona é rica en toponimia celta ou preindoeuropea como Barra, Nerga, Cíes, ou Donón. Hai quen di que Donón provén do deus celta Donn, deus relacionado co escuro e a morte.
Cazoletas nunha pedra do Facho
O Facho de Donón foi un lugar máxico escollido por o nosos antergos para adorar a un deus. Ademáis das excepcionais vistas que alcanzan desde Cabo Silleiro ata Fisterra, o Facho posúe na súa cima restos de diferentes etapas históricas:un asentamento da Idade de Bronce (non visible), un asentamento da Idade de Ferro, un santuario da época romana e unha garita da época moderna (s. XVIII).  Para subir ao Monte Facho o facemos por un camiño empedrado. O primeiro que nos imos atopar é a muralla defensiva do castro da idade de Ferro que é visible no alto do monte. Despois  o castro, o santuario, e a garita.
O castro da Idade de Ferro (Berobriga)
Seguindo unha orde cronolóxica, na ladeira este desde a cima ata o pé do monte se atopaba un primer asentamento que corresponde á idade de Bronce final (s. IX-VII a.d.C.). Ainda que non se fixeron excavacións arqueolóxicas (por iso non é visible) se coñece pola cerámica atopada, tamén se sabe que este asentamento non dispoñía de estructuras defensivas polo seu tamaño e pola dificultade do terreno onde estaba asentado.
A garita do século XVIII
Nun momento da historia, este asentamento se abandona e se erixe un poboado castrexo pertencente á Idade de Ferro na ladeira noreste e norte. Este recinto ten a estructura típica dos castros: doble recinto amurallado que engloba a cima e as terrazas, foso e terrapléns. Polos restos atopados (cerámica e vidrios) o poboado se sitúa entre os séculos IV-III a.d.C. e se supón habitado ata o cambio de era, non mais alá do século I d.C. Ademáis se coñecen dous basureiros a ambos lados do castro da Idade de Ferro chamados Concheiros.
Aras romanas
O mais significativo do Monte Facho é aparición de aras romanas. A súa propia condición nos remite a unha ocupación do lugar en época romana, entre finais do século I d.C. ata o século V d.C., entre a implantación definitiva da cultura romana e a do cristianismo. En consecuencia, a partires da desaparición do xacemento castrexo e sen poder precisar a data, asistimos á implantación dun lugar de culto con rasgos romanos con transfondo indíxena sin que se poidera relacionar a existencia do santuario na época do castro, todo semella indicar que cando se creou o santuario o castro xa estaba abandonado. Das aras romanas xa se tiña coñecemento desde hai tempo, de feito, a xente do pobo sabía que había unhas pedras "escritas e con debuxos". Algunhas aras empregáronse como muro de peche de fincas próximas ao castro e para a garita que se atopa na cima.O primeiro estudio serio faise nos anos 60 e se atopan 15 aras que se poden ver no Museo Quiñones de León de Vigo. o estudio arqueolóxico mais completo fíxose entre o ano 2003-2008 e se atoparon 57 pezas (antes dos 2003 xa se atoparan 42. Hoxe en día sábese que había mais de 150 aras. Algunhas se atoparon intactas no mesmo sitio onde foran colocadas. As aras son pedras alongadas  con inscripcións ou sen elas que se clavaban no chan a modo de ofrenda. Podían estar clavadas no chan tras facer un buraco, (algunhas tiñan pedras de apoio aos lados para que non se caira) e outras con forma de cuña estaban só suxeitas entre dúas pedras, non se enterraban. Tamén se sabe que algunhas aras estaban rodeadas de pedras como facendo un recinto, e non existía un número determinado de aras por recinto, se atoparon aras sen recinto, unha soa ara dentro dun recinto, e recintos con varias aras. a forma e a ubicación das aras indican que as aras pertencen a diferentes etapas, incluso as mais antigas que se rompían servían como apoio a outras aras mais novas, polo que se cre que seguía funcionando o sentido da ofrenda ainda que a ara estivera rota. O santuario colocouse ao este do Monte na zona mais protexida do clima e avanzou en dirección ao castro da Idade de Ferro. As inscripcións en latín, agás dúas, eran anónimas estaban feitas en primeira persoa do singular, e adicadas ao deus local Bero. Lar é o nome do deus e Bero é o epíteto local. As inscripcións eran feitas no propio santuario, no castro próximo ou nas cercanías, o cal ten o seu valor porque as aras ainda pesan. Nesta zona de excavación atopouse cerámica, vidrio e moedas da época tardo-romana polo que se pensa que o santuario foi utilizado cando o castro xa fora abandonado. Tamén non hai indicios de que o santuario fose abandonado pola invasión do cristianismo, non se atopou simboloxía cristiana.
Vistas desde O Facho (sur-suroeste)

Finalmente, despois de aparente abandono o Monte volveuse a utilizar como posto de vixiancia militar entre mediados do século XVIII e o século XIX. Desta etapa queda a garita de pedra que hoxe en día coroa o monte. Atopáronse restos de tellas e cerámica desta época. 

Bueno espero que este relato te anime a descubrir esta ruta ou redescubrila se xa a fixeches. A información foi recollida dos paneis informativos da ruta, do libro "Os nomes da ría de Vigo" de Gerardo Sacau e do informe das excavacións do 2003 que podedes ler neste enlace. Podedes ver todas as fotos da ruta neste enlace. Espero os vosos comentarios.




3 comentarios:

  1. Boas!
    Andaina moi fermosa e moi ben documentada. Tivestes un día moi bo.
    Nós fixeramos unha parecida que atopamos no wikiloc, que en vez de pasar pola fábrica para voltar a Donón dende Barra, daba un pouco máis de volta e pasaba polo Facho de Hio,onde hai moi boas vistas das dúas rias.
    Saudos!

    ResponderEliminar
  2. "Vela" de tempo que se está sen durmir, de vixía. Nas velas prendíanse fachos. Nada que ver co castelán "vela"=candea

    ResponderEliminar
  3. The Best Casino Games in Vegas - Mapyro
    Top Casino Games. Find a great 제주도 출장마사지 selection of slot games at Mapyro Casino 영주 출장안마 and 상주 출장샵 enjoy playing 포항 출장안마 your favorite casino games online. Best Casino Games in 김포 출장마사지

    ResponderEliminar